Pianista e compostor e director desta peza músico escénica

Pablo Seoane: "Phármakon mostra, a través do combinado música e escena, os chibos expiatorios actuais"

Os días 17 e 18 de xuño o Teatro Ensalle de Vigo reestrea a peza músico-escénica Phármakon, cuxa primeira función decorreu o pasado marzo baixo estritas restricións sanitarias. A peza, unha coprodución da Cidade da Cultura e do Centro Dramático Galego, insírese dentro do programa "Clásicas desfeitas" e constitúe o "Volume 2", seguindo a Prometeo / Fausto / Frankenstein, e precedendo a Orlando / A consagración da primavera / O mito de Sísifo. Nós Diario conversa co director de Phármakon, Pablo Seoane.
montagem-web_pablo
photo_camera Unha das escenas de 'Phármakon', peza musical composta e dirixida por Pablo Seoane (á dereita). (Foto: Paula Iturralde / Nós Diario)

-Como chegan a vostede a composición e mais a dirección de Phármakon?

A proposta fixéronma desde a organización de “Clásicas desfeitas”, un ciclo centrado na revisión de textos ou mitos clásicos, non só grecolatinos, e dentro do que se desenvolveron tres pezas coa idea de base de que as realizasen profesionais, digamos que non convencionais, do teatro.

"Clásicas desfeitas Volume 1" encargóuselle a un grupo de técnicos de son e de iluminación, por tanto un proxecto escénico de luz e son sen actores. "Volume 2" é esta peza musical e "Volume 3" desenvolveuna o coreógrafo Manu Lago.

-En que consiste Phármakon?

A peza parte de tres traxedias clásicas: Antígona de Sófocles e Medea e As bacantes de Eurípides. Dirixíronse a min en calidade de músico e pensei unha instrumentación que encaixase cun pequeno formato, pero tamén quería algo actoral. Decanteime por viola e óboe pola calidade do son, grave e de madeira, e pola versatilidade da súa combinación.

Pensei nos instrumentistas, María José Pámpano e Benxamín Otero, porque son bos executantes e tamén teñen experimentado co contemporáneo... E coñecémonos, o que me permitía propor determinadas cousas na busca da eficacia escénica. A estes dous instrumentistas engadinlle dous actores da escena física e contei con Raquel Hernández e Artús Rei de Teatro Ensalle. O quinto elemento, fundamental para min, Laura Iturralde, na que deleguei cuestións técnicas e de luz. 

-Como artellou a escena?

Decidín prescindir totalmente do textual porque xa só unha desas obras é suficientemente ampla, adaptar unha delas é un traballo inxente, e interesábame deixar o propio ritmo do texto... Son tres traxedias moi distintas pero coas cousas en común propias da traxedia grega, estruturas dramáticas que se repiten, por exemplo, o enfrontamento entre o poderoso e o non poderoso.

Extraín cinco secuencias que dalgún modo reflectisen os elementos que a min me parecen esenciais destas tres traxedias. O primeiro que fixen foi compor a música e mentres tanto comezaba co borrador das escenas. Optei por non estar eu nas táboas, pois compor para instrumentos que non son o teu é moi enriquecedor. 

-Fala do phármakon non só como veleno senón como chibo expiatorio... 

É algo que sempre me chamou á atención, que phármakon significase medicina, droga, veleno e chibo expiatorio, persoa sacrificada polo ben da comunidade, paréceme importante. A relación saúde-corpo e a relación saúde da comunidade-elemento que hai que eliminar. A figura do phármakon representa todas estas cousas, aquilo que temos que desbotar para estar tranquilos en calquera área: saúde, política, xustiza...

Moitas das traxedias clásicas parten deste rito, da eliminación do que nos molesta. O interesante aí é ver os phármakons actuais, que sabemos cales son e que xeramos nós mesmos, e ademais estas tres pezas (Antígona, Medea e As bacantes) tiveron repercusión nos últimos tempos por cuestións de xénero e de dereitos das mulleres, xa que elas son as protagonistas, as mulleres que violan a lei da cidade.

-Cales son as seguintes citas de Phármakon? E os seus outros proxectos?

Estaremos o 7 de xullo en Compostela, no Auditorio Vidal Bolaño, dentro de USCénica. No demais, saquei un disco, piano solo, Novia china, buena suerte, e un ensaio sobre Filosofía da música que agardo ir presentando agora.

Comentarios