Pablo Carpintero ofrece unha palestra ao mes sobre as orixes da música tradicional

Pablo Carpintero, un dos principais expertos na música tradicional galega e concretamente na orixe da gaita de fol, abre os seus coñecementos ao público e ofrece unha palestra ao mes aberta ao público, que ás veces irá acompañada dun concerto e outras, de obradoiros didácticos. 

pablo_carpintero
photo_camera Pablo Carpintero [Imaxe: CCG]

Pablo Carpintero presenta un ciclo de dez charlas didácticas, moitas delas charlas-concerto, outras obradoiros didácticos, pero todas versan sobre música en xeral e música galega en particular. O obxectivo é divulgar o aprendido nestes últimos anos sobre diversos aspectos da música e dos instrumentos musicais, para elo, ademais das explicacións faladas, poderedes escoitar os instrumentos musicais en directo, acompañados de explicacións e imaxes e, nalgúns casos, aprender a tocalos e construílos.

As charlas celebraranse no seu obradoiro-museo, en Meixonfrío (Santiago de Compostela) e serán sempre os domingos pola mañá, dende as 11:00 ás 12:30 aproximadamente. Versarán sobre os tipos de gaitas de fol no noroeste da Península; as orixes da música; as cadeas evolutivas de instrumentos musicais en Galiza; os instrumentos musicais femininos; as trompas; os instrumentos musicais de palla; as palletas; e as orixes das gaitas de fol. 

Pablo Carpintero (Castro de Carballedo, Lugo, 1969) é doutor en Ciencias pola USC onde foi profesor de Bioquímica. Actualmente realiza un segundo doutoramento no Departamento de Historia da Arte desta mesma universidade sobre a gaita de fol, e traballa no Proxecto Ronsel da Universidade de Vigo para a recuperación do Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia. É membro directivo da Asociación de Gaiteiros Galegos e dirixe dous grupos de recuperación de tradicións musicais galegas: A Requinta de Xián e o Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia. Ademais é construtor de instrumentos.

O seu traballo de investigación está centrado principalmente na evolución da morfoloxía e repertorio da gaita de fol e na súa contextualización social e histórica, así como no estudo dos diversos instrumentos musicais tradicionais galegos. Colabora con institucións como a Radio Galega, onde periodicamente realiza seccións dedicadas ao folclore galego, ou Consello da Cultura Galega, onde depositou en 2005 un arquivo composto de máis de 350 horas de gravacións de campo. Nesta web sobre Os instrumentos musicais na tradición galega poderedes saber máis dos seus traballos. 

Comentarios