Pablo Carpintero e Lidia Nieves gañan o Antonio Fraguas  de Artesanía

A reprodución da gaita de fol dunha Cantiga de Santa María de Pablo Carpintero na categoría de tradicional e unha peza de xoiería de Lidia Nieves en contemporánea son as gañadoras do XI Certame de Artesanía Antonio Fraguas da área de Cultura da Deputación da Coruña.
 

carpintero
photo_camera Pablo Carpintero tocando a réplica exacta da gaita representada na Cantiga 350 das Cantigas de Sta. María do século XIII.

gaita350Na modalidade de artesanía tradicional, a obra gañadora foi unha reprodución funcional da gaita de fol da Cantiga 350 das Cantigas de Santa María, presentada por Pablo Carpintero e elaborada mediante torneado con incrustracións en lacre e pau rosa. Pablo Carpintero ten na súa traxectoria un longo e sólido traballo de investigación e reprodución de instrumentos tradicionais galegos, en especial, sobre a gaita de fol. Forma parte do Proxecto Ronsel da Universidade de Vigo para a recuperación do Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia e é membro da Asociación de Gaiteiros Galegos ademais de promover distintas iniciativas de recuperación dos instrumentos musicais galegos. O xurado valorou o importante traballo investigación que precede á elaboración dunha gaita recuperada a través de referencias gráficas. Podemos ver como soa neste vídeo.

Artesanía contemporánea

En canto á categoría de artesanía contemporánea, o xurado decidiu escoller como gañadora a peza titulada “Xoguete”, da autoría de Lidia Nieves Domínguez. A obra gañadora é un anel cunha parte circular plana e oscilante coa imaxe dun navío que evoca o xogo de colocar dúas pequenas bolas en dous buracos. O xurado valorou nesta peza de xoiería contemporánea, elaborada en técnica mixta, a combinación dun discurso orixinal cunha execución técnica moi ben realizada. Lidia Nieves Domínguez formouse en xoiería e é licenciada en Belas Artes e dedícase profesionalmente ao deseño e elaboración de xoias ademais de dar clases de artes a nenos e nenas.