A RAG celebra o Día das Letras en Ferrol

Outubro vaise cheo de actos arredor de Carvalho Calero

A Coruña acolle a terceira xornada do Simposio Carvalho Calero, en Vigo preséntase Carvalho Calero sen fronteiras, de Aser Álvarez, e a Academia anuncia a que a homenaxe das Letras terá lugar no Teatro Jofre o 31 de outubro.
20201022-RAG-Pilar-Pallares
photo_camera Imaxe do Simposio Carvalho Calero. / Nós Diario

O número 11 da rúa Tabernas da Coruña, sede da Real Academia Galega (RAG), acolleu esta sexta feira, 24 de outubro, a terceira xornada do Simposio Carvalho Calero, que culminará o vindeiro 29 de outubro. Ao mesmo tempo, a cidade de Vigo acollía a presentación da obra de Aser Álvarez, Carvalho Calero sen fronteiras; e a Academia fixo o anuncio de celebración do Día das Letras, en Ferrol, o próximo 31 de outubrono Teatro Jofre, coincidindo co 110 aniversario do nacemento do autor homenaxeado.

O Simposio Carvalho Calero afondou na poesía, no teatro e na novela Scórpio, da man de Pilar Pallarés, Laura Tato e Henrique Rabuñal, respectivamente. A primeira delas, poeta e antóloga do autor, profundou, durante a súa intervención, nas ficcións do eu e referiuse ao homenaxeado deste ano como “un dos poetas que con máis autenticidade expuxo na súa obra a súa visión da existencia”.

A catedrática de Filoloxía Galega e Portuguesa Laura Tato abordou a produción dramática, entre a que destacou como “mellor peza” Os xefes, “na que deixou unha profunda reflexión sobre o poder”. Na súa quenda, o tamén escritor Henrique Rabuñal prestoulle atención á novela Scórpio e aos seus personaxes femininos.

Carvalho Calero sen fronteiras, de Aser Álvarez, presentábase en Vigo na compaña do músico Moisés Quintas e a da deputada Carmela Silva. A obra homenaxea “e reivindica un home pioneiro, valente e cunha historia épica, que foi inxustamente tratado”, comentou o autor, que explicou que xurdiu a raíz dun proxecto multimedia no que Arraianos Producións comezou a traballar a primeiros de ano para divulgar a vida e a obra de Ricardo Carvalho.

O vindeiro 31 de outubro, a académica moderadora da terceira sesión do Simposio, Margarita Ledo, pronunciará unha alocución sobre a vida e o legado deste intelectual, na celebración do Día das Letras no Teatro Jofre de Ferrol, que se poderá seguir en liña a través de academia.gal. Xunto ela, estarán os tamén académicos Xesús Alonso Montero, Ramón Villares e Francisco Fernández Rei.

A celebración do Ano Carvalho Calero vai continuar até finais de 2020 coa presentación do epistolario do autor con Ramón Otero Pedrayo e coa resolución do concurso “Contádenos o voso Día das Letras”, entre outras iniciativas.

Comentarios