As outras luces que iluminan Vigo

Até o domigno 10 de novembro pode visitarse en Vigo, fronte ao MARCO, a exposición fotográfica As outras luces.
[Foto: Juan Teixeira] Inauguración da exposición "As outras luces"
photo_camera [Foto: Juan Teixeira] Inauguración da exposición "As outras luces"

Antes de que os milleiros de lumens das luces de Nadal de Caballero deixen sen visión Vigo, outras luces atópanse na rúa Príncipe. Fronte ao MARCO, unha exposición fotográfica organizada pola revista cultural A Movida reune as faces de diferentes persoas do mundo da cultura ligadas coa cidae: Antonio Durán ‘Morris’, Marta Larralde, Ledicia Costas, Xosé Manuel Méndez Ferrín, Silvia Superstar, Patricia Moon, María Xosé Queizán, Eladio Santos, Julián Hernández, Silvia Penas, Lupita Hard e Kaixo. Todas elas posan con luces LED.

A Movida, que naceu co obxecto de visibilizar a cultural local, «pretende chamar a atención sobre as verdadeiras luces de Vigo: os nosos artistas», declaran. «Cremos que se de algo se debería presumir é da nosa cultura. Tirar de enriba os complexos da cidade obreira e sentir orgullo de todo o que aquí nos fai medrar e contribuír ao noso patrimonio. Erguer a cabeza cada vez que escoitamos falar de calquera persoa que no cinema, na danza, no debuxo, na literatura, na pintura ou no teatro leven por bandeira o nome de Vigo», explican desde A Movida.

Así, as outras luces do Vigo estarán acesas, un chisco menos que as locais, até o domingo 10 de novembro, cando se instalarán as luces de Nadal do Concello.

Comentarios