xoves 21/10/21

Outra visión sobre Emilia Pardo Bazán

María Pilar García Negro presentou esta quinta feira o seu libro sobre a autora.
Manuel Fernández Blanco, María Pilar García Negro e Henrique Alvarellos, onte, durante o acto, fronte á estatua de Curros Enríquez. (Foto: Nós Diario)
Manuel Fernández Blanco, María Pilar García Negro e Henrique Alvarellos, onte, durante o acto, fronte á estatua de Curros Enríquez. (Foto: Nós Diario)

Hai un poblema que en realidade son dous problemas. Ou tres. O primeiro é que Emilia Pardo Bazán, de quen se conmemora o centenario do pasamento neste 2021, se declaraba feminista. O segundo é que a condesa era galega e dicía actuar como avogada da súa terra. Ambas afirmacións son debatidas en ámbitos académicos desde hai moito, mais o terceiro problema veu trasladar a polémica a un público máis amplo: tras a sentenza da xustiza que obrigaba á familia do ditador Franco a devolver o Pazo de Meirás aos seus lexítimos donos, a Xunta de Galiza tivo a ocorrencia de facer público un proxecto que convertería Meirás nun centro dedicado á escritora  que "o papel e a forza creativa da muller". 

Neste contexto, xorde o libro de María Pilar García Negro Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán (Alvarellos Editora), que se presentou onte na Coruña e que esculca nos textos da propia Pardo Bazán para, a través deles, valorar se os seus feminismo e amor pola Galiza eran tan palpábeis como a propia condesa pretendía ou se, pola contra, agochaban unha visión aristocrática que os empregaba como ferramentas para reforzar  seu status e o da súa clase social.

García Negro cre que "se está creando unha mitografía que trata de facer de Dona Emilia algo que nunca foi. Cómpre aclarar que é unha escritora da literatura española que consagrou todos os seus afáns a triunfar na vida literaria e pública e, en gran medida, conseguiuno: logrou o título condesa e un considerábel prestixio como escritora".

Autora dunha obra descomunal, Pardo Bazán, di García Negro, "mereceu unha contestación ideolóxica e sexista da sociedade da súa época, sen ser unha excepción, senón da mesma maneira que todas as mulleres que interviñan no espazo público sen acomodarse á ortodoxia imperante da esterotipia feminina".

A obra salienta o feito de que a autonomía e aliberdade de movementos das que fixo gala estaba "directamente conectada coa súa clase social e o seu poder económico" e que a modernidade da súa personalidade pasa "por ser unha profesional da literatura e unha excelente propagandista de si mesma". 

A respecto do feminismo, ela clama contra o feminicidio e é dona dun "feminismo declarativo que pasa pola defensa racional da capacidade intelectual das mulleres, a denuncia dunha educación castrante e a afirmación de que o destino da muller non debe estar supeditado ao varón e que deben vivir da remuneración do seu traballo",  continúa García Negro. Ela é boa coñecedora, por telo visto na Galiza, da enorme carga de traballo -produtivo e doméstico- que soportan as mulleres, mais se nos fixamos no tratamento que lles dá as personaxes femininas que non pertencen á súa clase social na obra literaria observamos que é absolutamente deshumanizador e clasista". 

A respecto da imaxe que proxecta da Galiza, a profesora García Negro cre que Pardo Bazán admira a paisaxe e a natureza galegas e emprégaa como unha extraordinaria canteira literaria, "mais a visión que proxecta sobre a Galiza é a dun país sen futuro, ateigado de atraso e barbarie cuxo único remedio sería españolizarse aínda máis". Ademais, "emprega o castrapo para caracterizar a clase servil e repudia o uso do galego para máis nada que o que ela pensaba que debía ser a poesía popular". 

Situar o galego fóra da modernidade constitúe un ataque ao que ela "moi intelixentemente, captou na poesía de Rosalía de Castro -á que se opón sen paliativos- que é a dimensión patriótica de Cantares gallegos, que ela considera absolutamente intolerábel".

Deslexitimar Galiza para xustificar a deserción propia

Emilia Pardo Bazán pertence  á tradición de galegos que cifraron o seu porvir biográfico e o mantemento dos privilexios da súa clase social no triunfa na Corte, en Madrid", explica García Negro. "A cultura e a política españolas estiveron asistidas por moitísimos elementos galegos de alto valor. Mais ela é un caso moi extremo, xa que esa opción súa precisa, para lexitimarse, proxectar unha visión daquilo do que se desertou completamente negativa. Ela non é un caso excepcional, mais si radical".

comentarios