Arqueoloxía

Outra visión da conquista romana do Noroeste

A análise de 22 novos sitios arqueolóxicos revela, segundo un estudo do colectivo romanarmy, continxentes militares, misións e tempos de operación do exército romano que ofrecen unha nova interpretación histórica da conquista romana do territorio galego.

[Infográfico: José Manuel Costa] Modelo 3D da localización do campamento romano de Santa Baia
photo_camera [Infográfico: José Manuel Costa] Modelo 3D da localización do campamento romano de Santa Baia

Segundo unha nova hipótese que parte do colectivo de investigación romanarmy, a presenza romana no noroeste peninsular tería sido máis destacada, diversa e prolongada do que se coñecía até o momento. Os 22 sitios militares analizados establecen unha gran dispersión dos continxentes, así como suxiren unha diversidade de accións de combate, recoñecemento do territorio ou control policial que non encaixan co relato histórico hexemónico.

Así o recolle un artigo que José Manuel Costa (USC), Joao Fonte (Instituto de Ciencias do Patrimonio e Universidade de Exeter) e Manuel Gago (USC) veñen de publicar na revista Mediterranean Archeology and Archaeometry. Titulado “The reassessment of the Roman military presence in Galicia and Northern Portugal through digital tool: archaeological diversity and historical problems” [A revaloración da presenza militar na Galiza e o norte de Portugal a través de ferramentas dixitais: diversidade arqueolóxica e problemas históricos], o informe deita conclusións de cinco anos de estudos. En palabras dos autores, o traballo “abre as portas a unha transformación radical das narracións históricas tradicionais relativas á conquista e integración destes territorios por Roma”.

Un novo crebacabezas

Galiza, o occidente de Asturias e mais o norte de Portugal considerábanse até agora escenarios marxinais dentro da conquista peninsular romana. Porén, esta nova investigación, froito de diferentes técnicas de prospección e análise realizadas nos últimos cinco anos, revelan un proceso radicalmente distinto. Analizando a distribución, o asentamento no territorio e a súa morfoloxía, os investigadores intentan comprender a lóxica dos despregamentos.

En palabras dos autores, o traballo “abre as portas a unha transformación radical das narracións históricas tradicionais relativas á conquista e integración destes territorios por Roma”

A súa hipótese é que case todos eles presentan unha ocupación temporal ou estacional de carácter militar romano. Aparecen, con todo, diferentes tipoloxías, que van desde recintos de pequenas dimensións a grandes campamentos con independencia operativa, que acollerían por volta dunha lexión (6000 homes). A maior parte deles están na zona oriental da Galiza, como os de Monte da Chá e Monte de Medorra, A Penaparda ou O Monte de Ventín. Estes poderían estar vinculados a un episodio do conflito cántabro-astur (29-19 a.C.), pois encaixan coa lóxica seguida polo exército durante o conflito, con accións a grande escala contra os grupos indíxenas. Porén, un gran número de xacementos non se integran facilmente nesta narrativa.

Modelo dixital do terreo a partir de datos LIDAR de Alto da Pedrada (Arcos de  Valdevez, Viana do Castelo).

Tamén existen algún recintos que superan con moito estas dimensións, podendo acoller auténticos corpos do exército de entre 10000 e 14000 soldados. Localizados entre o río Limia e o Miño, na Lomba do Mouro (Mel, Viana do Castelo / Verea, Ourense) e na Chaira da Maza (Lobeira, Ourense), encaixarían segundo a hipótese dos investigadores nun horizonte tardorrepublicano. Ademais, en Penedo dos Lobos o equipo localizou en 2018 a presenza militar romana máis antiga documentada na Galiza.

Interpretacións

A caticaturización dos cronistas grecolatinos da época sobrevive en certo modo nas narrativas historiográficas contemporáneas que “simplifican e unifican estas xentes como un todo” e “definen un rol marcadamente secundario –senón pasivo– para estes axentes”, sinalan no artigo

O traballo revela varios escenarios que poden aterse a diferentes interpretacións, sendo o máis probábel que se ateñan a varios conflitos. Os investigadores lembran no artigo que o “outro” indíxena é un actor evasivo cuxo papel foi desenfocado en diferentes relatos da integración do territorio á influencia e control romanos. A caticaturización dos cronistas grecolatinos da época sobrevive en certo modo nas narrativas historiográficas contemporáneas que “simplifican e unifican estas xentes como un todo” e “definen un rol marcadamente secundario –senón pasivo– para estes axentes”, sinalan no artigo. Para chegarmos a comprender os procesos de trancisión, o documento advirte da necesidade de desenvolver “estudos de caso rexionais”, para os que os sitios analizados por eles “deberían servir como un auténtico exemplo para futuras investigacións”, procurando asemade un equilibrio entre as dinámicas máis rexionais e a visión de conxunto.

Comentarios