A outra selección do Brasil

Xogaron en Maracaná hai agora trinta anos. Cunha selección composta, entre outros, por Chico Buarque, Jorge Ben ou Toquinho, Brasil só podía saír a gañar. O álbum da xornada atópase nos acervos dixitais do Instituto Antonio Carlos Jobim, un tesouro da música brasileira.

.
photo_camera .

Medio cento de imaxes mostran un estadio de Maracaná coas bancadas completas, como nas mellores ocasións. No campo algúns dos nomes máis coñecidos da música brasileira disputan un amistoso que pasará á historia. Xenios como Chico Buarque, Jorge Ben, Toquinho, Djvan ou Paulinho da Viola poñen o seu talento a correr detrás da bola. A selección é, sen dúbida, de gañar. O álbum forma parte do acervo dixital de Chico Buarque no Instituto Antonio Carlos Jobim, un arquivo con milleiros de documentos de imaxe, escritos e sonoros que recollen parte do tesouro da cultura brasileira. 

En decembro cumpriranse vinte anos da morte do mestre António Carlos Jobim, Tom Jobim, autor de cancións de referencia na historia da música brasileira como Garota de Ipanema, Chega de saudade ou Águas de março, interpretadas moitas delas en múltiples voces da bossa nova. Arredor da súa figura, en maio de 2001 constituíuse o Instituto Antonio Carlos Jobim, nacido non só para documentar e facer público o acervo do grande músico mas tamén para recoller o inmenso tesouro da música brasileira a través dos arquivos dalgúns dos seus principais protagonistas. 

Navegar pola música 

Catalogar, conservar e disponibilizar os acervos dixitais de artistas de Brasil é o grande obxectivo do Intituto Jobim que abre o espazo dixital para milleiros de documentos de Dorival Caymmi, Chico Buarque, Gilberto Gil ou Lúcio Costa aos que se están a incorporar o de Milton Nascimento e Paulo Moura. Un equipo composto por especialistas en música, investigación, historia e deseño contribúen á catalogación de cada un dos arquivos que mostran en imaxes e documentos inéditos boa parte da historia musical recente do Brasil. 

Navegar polo sitio multimédia do Instituto António Carlos Jobim abonda para se sorprender coa dimensión musical da lusofonía de América, pola biografía persoal dalgún dos seus protagonistas e mesmo se atopar con singularidades como o álbum daquel partido amistoso de artistas en Maracaná que agroma no acervo de Chico Buarque, coñecido apaixonado do fútbol 

como lembran na Galiza algúns que compartiron xogo con el no Morrazo na súa xa lonxana viaxe ao noso país. O acervo de Chico Buarque é só un exemplo da grandeza do Instituto António Carlos Jobim: máis de 5.000 documentos videográficos, sonoros, escritos e fotográficos dixitalizados en 2010. No de Dorival Caymmi son 4.000 ítems para coñecer outro dos xenios da música brasileira ao igual que os 17.000 de Gilberto Gil ou os 9.000 do propio Tom Jobim, o primeiro en ser dixitalizado por volta de 2001, ano de inicio do Instituto. 

Elis & Tom, o outro aniversario

Infelizmente, o arquivo do Instituto António Carlos Jobim non inclúe ningunha muller e, polo tanto, tampouco unha das voces máis perturbadoras da música do Brasil. A tráxica biografía de Elis Regina, morta cando aínda  non cumprira os corenta anos, non impediu que o seu nome se tornara, xa en vida, como un dos máis destacados da bossa nova, en encontro amigábel en especial co jazz. Canda Tom Jobim, Elis Regina gravaría hai agora corenta anos, entre o 24 de febreiro e o 9 de marzo de 1974, un dos discos de referencia no grande país da música. Elis & Tom ía unir na capa dun LP dúas xenialidades con temas que pasaron á historia da música mundial, a comezar co “Águas de Março” que abre o disco, da autoría do propio António Carlos Jobim. En 2004 o álbum sairía de novo publicado cos 14 temas remasterizadas xunto cun DVD. 

Comentarios