Outono de temperaturas altas e “soul and rock on!” en Compostela

Temperaturas altas na estación de caídas das follas. A gran diva do funk e soul Martha High chega a Compostela para participar no Outono Códax no que será unha das citas máis agardadas do festival. A banda siciliana Virginia Brown & The Shameless Trash-Tornados e a mostra fotográfica de Antonio Alay en clave de rock serán outras das propostas deste fin de semana dun outono que arde.

Intensa fin de semana a que ten preparada o Outono Códax para a que será a súa segunda cita co seu fiel público e que comeza a partir de hoxe mesmo. Así pois, o festival galego de música negra preséntase madrugador nesta sexta feira, cun aperitivo á súa programacion musical nada desbotable: a mostra fotográfica Rocker. Retrato dun espírito / Maqueta para unha mostra, de Antonio Alay, se cadra o retratista máis destacado da escena do rock´n roll clásico no Estado. Alay (1964, nado en Barcelona e afincado en Madrid) inaugura ás 19 h na Fundación Granell de Compostela esta exposición na que reúne unha selección de imaxes representativas da cultura rockabilly e os amantes do rock´n roll clásico, nun traballo co que regresa ao branco e negro buscando as luces da noite, as caras afiadas e os ritmos acelerados, logo de publicar hai cinco anos a súa ópera prima Un viaje al corazón del rock´n´roll (Lunwerg, 2011), toda unha referencia para as e os amantes do xénero.

Trash-Tornados van moito máis alá do neo-swing co que habitualmente son etiquetados. Swing e rhythm&blues certamente, pero tratados dende unha perspectiva actualizada

Esta mesma noite, non moito máis tarde (21,45 h), o Outono Códax cita os seus seguidores na sala Riquela, onde serán os asturianos Trash-Tornados os que arranquen musicalmente a fin de semana do ciclo. Integrada por algúns dos músicos máis salientables do panorama estatal (ex membros de Los Coronados, Cynics ou Dr. Explosion), a formación nada en Mieres vai moito máis alá do neo-swing co que habitualmente é etiquetada. Swing e rhythm&blues certamente, pero tratados dende unha perspectiva actualizada e aos que engaden un son potente e agresivo que pode camiñar, segundo o tema, entre o blues máis poderoso, o rockabilly, o early soul e, por momentos, case o jazz ou mesmo o punk. Así pois os Trash-Tornados encherán de ritmo a sala Riquela, onde o festival está a recuperar a maxia dos concertos íntimos que caracterizaban aos vellos clubs do xénero (por certo, só se poñerán á venda as entradas que deixen liberadas os abonados que, sempre incondicionais, xa aseguran practicamente o “cheo” deste recital en formato máis próximo).

Mais será mañá sábado cando chegue o día grande. A Sala Capitol (coma é habitual sede do festival) acollerá a partir das 20,30 h unha das noites máis agardadas desta sexta edición do festival patrocinado por Martín Códax e coa colaboración de Pousadas de Compostela, pero que como é costume conta tamén coa implicación do tecido hostaleiro e comercial de Santiago, con perto dun cento de pequenos colaboradores. Cita esta moi esperada porque contará coa presenza de dúas das actuacións que se prevén máis salientables deste Outono 2016. Primeiramente Virginia Brown & The Shameless, banda siciliana que pese á súa xuventude está a revolucionar o panorama actual do xénero coa súa fresca mestura de rhythm&blues e ritmos afrocubanos. Á poderosa voz de Virginia súmase un piano boogie, unha exquisita guitarra, un potente saxo, un sedutor baixo e unha batería chea de swing e, xuntos, son quen de resucitar o sabor dos mellores sons de clásicos coma Clarence Garlow, Fats Domino, Smiley Lewis, Dave Bartholomew, Lee Allen ou Professor Longhair.

A gran Martha High, historia viva do funk e o soul do noso tempo, chega a Galicia para presentar o seu último traballo Singing For The Good Times

E logo do seguro frenesí achegado dende terras sicilianas, subirá ao escenario unha das grandes divas ás que nos ten acostumados o festival. A gran Martha High, historia viva do funk e o soul do noso tempo, chega a Galicia para presentar o seu último traballo Singing For The Good Times, un apaixonante tratado do mellor soul, funk e jazz vocal máis atemporal que xa foi cualificado como un dos mellores traballos de soul do que vai de ano. Porque a carismática voz de High fai dela unha das grandes damas da música negra, pese a que para moitos, o seu coñecemento se circunscribe só á súa faceta como compañeira artística de James Brown.

Nada en Washington DC e de nome real Martha Harvin, esta poderosa muller comezou a súa carreira musical na primeira metade dos 60 formando parte do cuarteto vocal The Jewels. Logo de gravar o seu maior éxito, Opportunity, en 1964 marcharon de xira con James Brown, quen dende ese momento converteuse no seu máximo valedor. Ademais de producir un par de singles a The Jewels, James Brown contratou como corista do seu grupo a High, quen permaneceu artisticamente xunto a Brown ao longo de tres décadas. Entre as súas aparicións en disco co padriño do Soul destaca a súa memorable versión de Summertime (1977). Apenas dous anos máis tarde, Brown produciulle un disco homónimo de música disco encabezado pola irresistible Showdown.

En 1995 Martha abandonou a banda do padriño para unirse á xira de Maceo Parker, con quen continuou colaborando. En 2004 uniuse á organización Soulpower, especializada en revitalizar carreiras de cantantes de soul. Tamén se embarcou na xira James Brown’s Funky Divas Tour un ano máis tarde e, finalmente, en 2012 editou o seu segundo disco, Soul Overdue, acompañada polo grupo Speedometer, co que se lle recoñeceu finalmente o seu impresionante talento coma solista. Agora volve con máis forza que nunca con esta delicatessen chamada Singing For The Good Times e a do Outono Códax será a súa primeira data en Galiza (segunda da súa xira polo conxunto do Estado) para presentar este seu último traballo. Por riba, e para tan especial cita, virá acompañada dunha banda de auténtico luxo, The Tighten Ups, formación encabezada polo grandísimo Julián Maeso e na que tamén militan outros grandes como Mayka Edjole; José Ángel Herránz; Santiago Martín; Julio “el Lento”; Álex Cid e Javier Martínez, músicos todos eles que xa formaron parte de grupos como The Sweet Vandals, Speak Low ou The Silverbacks e que teñen gravado e acompañado a artistas de soul da envergadura de Irma Thomas, Ann Sexton ou Charles Mintz.

Así pois, esta fin de semana máis que nunca, “soul and rock on!” 

Comentarios