O “Outono” é a estación en que Compostela é a capital do soul e o blues

Nomes míticos do soul, o blues, o rock e ao vivo. Non se trata de New Orleans nin Chicago. Falamos de Santiago de Compostela, cidade en que esta sexta feira bota a andar a sexta edición do Outono Códax Festival, unha cita de referencia de amantes da música negra.

Lee Fields
photo_camera Lee Fields

O Outono Códax Festival regresa esta sexta-feira, puntualmente como cada outono, na que será xa a 6ª edición dun certame que volve traer a Galiza o mellor da chamada música negra. Faino nesta ocasión por todo o alto: Lee Fields, un dos estandartes do soul contemporáneo, abrirá na sala Capitol de Compostela unha nova cita co festival galego que continúa a afirmarse como un dos referentes do xénero, mesmo tamén fóra do Estado. Así pois, aínda que nos ten acostumados ás grandes voces femininas, nesta ocasión será un dos grandes vocalistas masculinos norteamericanos os que poña a andar este Outono 2016.

Resulta así porque Lee Fields é sen dúbida un dos referentes obrigados para todas e todos os amantes do soul. Nado en Carolina do Norte, criado musicalmente na espiritualidade do gospel máis tradicional e fiel aos sons máis clásicos do xénero (The Temptations, Otis Redding, Al Green, Sam Cooke... e o balbordo do Memphis dos 60), o cantante estadounidense foi quen de mesturar con mestría o vello e o novo. Dende finais dos 60 cultivou un extenso catálogo que foi dende o funk ao estilo James Brown (de feito foi recoñecido baixo o alcume de Little JB, dado o seu parecido ao padriño do soul), até o o blues ou o soul máis sureño. Dono dunha lexión de seguidores dende os anos 70 (época na que se converteu en obxecto de culto para os DJ máis recoñecidos), renaceu nos 90 como soulman clásico (toda unha bomba no circuíto estadounidense) e acadou o éxito mundial definitivo xa coa chegada do novo século (inmensos e obrigados son os seus traballos Problems e o sobresaínte My World). Cos seus The Expressions, esta sexta feira actuará por primeira vez na Galiza, que xunto aos de Donosti, Barcelona, Madrid, Zaragoza, Valencia, Santander e Sevilla, será un dos únicos oito concertos que ofrecerá este ano na súa xira polo Estado. Antes de Fields subirá ao escenario da Capitol The Hellbuckers, unha das bandas galegas que están a pegar forte coa súa aposta polo soul tamén clásico dos 50 e 60 (ollo á voz de Carla de Figueredo) e que presenta ademais o seu último traballo.

Antes de Fields subirá ao escenario da Capitol The Hellbuckers, unha das bandas galegas que están a pegar forte coa súa aposta polo soul tamén clásico dos 50 e 60 (ollo á voz de Carla de Figueredo)

O Outono Códax continuará estes sábado xa na tamén compostelá sala Riquela, na que a organización quere este ano ofrecer tres concertos máis dos habituais en edicións anteriores, pero cun formato máis exclusivo co que se recupera a maxia da música ao vivo propia dos vellos locais do xénero. Serán neste caso os cataláns Wax&Boogie (unha das agrupacións máis valoradas do panorama estatal de blues, boogie e rhythm&blues) os que inauguren este novo formato do Outono para o que, por certo, os abonados do festival xa esgotaron os billetes.

Logo desta primeira fin de semana chegarán outras dúas (28 e 29 de outubro, e 11 e 12 de novembro) que, de seguro, tampouco deixarán indiferente ao público galego: Martha High (unha das divas do soul, eterna compañeira artística de James Brown e logo incuestionable solista do xénero); The Pretty Things (a lendaria formación británica, toda unha institución do rock´n roll de todos os tempos); Luke Winslow-King (gurú dos novos tradicionalistas de Nova Orleáns) ou Virginia Brown&The Shameless (poderosa bigband siciliana) ofrecerán, de seguro, algúns outros grandes momentos deste Outono Códax 2016.  

Comentarios