O outono cultural de Ferrol prescinde do galego

O desleixo do goberno local do Partido Popular de Ferrol a respecto da lingua galega volve quedar de manifesto na programación cultural de aquí a finais de novembro nos dous principais espazos municipais, o Teatro Jofre e mais o Auditorio de Caranza, na que non existe unha soa referencia en galego. 

Joaquín Reyes
photo_camera Joaquín Reyes


Non é novo o desinterese do PP polas manifestacións artísticas propias, nin tampouco a desconexión coas entidades culturais da cidade, mais esta é a primeira vez na que o idioma propio fica fóra da oferta cultural municipal. 

A programación até finais de novembro inclúe once actuacións, nove no Jofre e dúas no flamante Auditorio de Caranza. A Filharmónica de Cámara de Colonia, o concerto da banda madrileña Izal; o proxecto “El Intérprete” da Factoría Madre Constriktor; o monólogo do manchego Joaquín Reyes, a obra “Olivia y Eugenio”, da compañía Pentación Espectáculos; as pezas “Entredos” e “La curva de la felicidad”, de CIA. Capicúa e Descalzos Producciones; a ópera “Don Giovanni” e as representacións “eBook, las edades del libro” (Spasmo Teatro) e o clásico “Cyrano de Bergerac”, dos cataláns L’Horta Teatre compoñen un programa no que o barítono de Ortigueira Borja Quiza é a única achega galega.

Desligado de Agadic

Desde que se puxo á fronte da Concellaría de Cultura, Reyes García recibiu constantes críticas da oposición, non só pola inexistente publicidade que se lle dá aos espectáculos, senón tamén pola escolleita dos artistas, na súa inmensa maioría de fóra de Galiza. Hai uns meses decidiu desligarse do Agadic para se adherir á rede española argumentando que lle saía “moito máis económico”, extremo desmentido pola asociación galega. 

Comentarios