O sábado 29

O Outono Códax trae Martha High, gran voz do soul, a Compostela

Martha High, a gran diva do soul, presentará no Outono Códax o seu último traballo, cualificado pola crítica como o mellor disco do xénero do que vai de ano.

Martha-High-©Philippe_Levy_Stab
photo_camera [Imaxe: Philippe Levy] Martha High

A segunda cita co Outono Códax, o festival galego de música negra, vén marcada pola presenza de Martha High, unha das grandes damas do soul e do funk do noso tempo e quen mantivo unha gran colaboración ao longo de décadas con James Brown.

A estadounidense presentará este sábado, 29 de outubro, na compostelá Sala Capitol, Singing For The Good Times, un apaixonante disco do mellor soul, funk e jazz vogal máis atemporal. Farao acompañada pola banda The Tighten Ups.

Abrirán o sábado do Outono Códax Virginia Brown & The Shameless, banda siciliana que se perfila como un dos revulsivos do xénero grazas á súa mestura de rhythm&blues e os ritmos afrocubanos.

Aliás, na xornada da sexta feira (entradas xa esgotadas polos aboados ao festival) será a quenda dos asturianos Trash-Tornados, que encherán a sala Riquela de neo-swing. Presentarán o seu último traballo, Voodoo girl.

Exposición

O festival galego de música negra completa a súa proposta musical con actividades paralelas que inclúen a expoRocker, unha mostra en que o fotógrafo Antonio Alay ofrece a súa visión arredor da cultura rockabilly e dos amantes do rock’n roll clásico.

A exposición inaugurarase a sexta feira na Fundación Granell, onde permanecerá aberta até o 15 de novembro. Coincidindo coa presentación da mostra, terá lugar a actuación de Mad Martin (o galego Martín Esturao) na propia fundación.

Comentarios