O Outono Códax trae a Compostela a voz de Irma Thomas, a gran diva do soul de Nova Orleáns

Gañadora dun Grammy e grande diva do soul e o rhythm&blues, Irma Thomas chega a Compostela para participar do Outono Códax Festival cun concerto o sábado 27  na Sala Capitol. 

Irma Thomas
photo_camera Irma Thomas

Como en cada edición, o Outono Códax ofrece algunha desas actuacións estelares que pasan a primeiro plano dos concertos do ano no país. A de Irma Thomas promete ser unha delas. Nesta súa cuarta edición, conseguiron traer a Compostela, toda unha autoridade no soul e o rhytm&blues que achega canda ela a mellor tradición musical de Nova Orleans. 

Por primeira vez na Galiza, a coñecida como "raíña do soul de Nova Orleans” é desde hai tempo un dos nomes de culto da música contemporánea, comparada en moitas ocasións coa gran Aretha Franklin.

O gospel está nos seus inicios na música nos anos sesenta con temas como "It´s Raining" ou "Ruler of my heart" que logo tomaron aínda máis forza aínda de clásicos na voz de Otis Redding. O seu traballo Soul Queen of New Orleans de 1978 está considerado como unha das pezas fundamentais do xénero. En dúas ocasións nominada aos Grammy, Irma Thomson fíxose co recoñecemento en 2007 por  After the rain, mellor álbum de blues contemporáneos. Os concertos de Irma Thomas continúan a ser un espectáculo nos que a artista se presenta diante do público con toda a súa traxectoria máis tamén coa enerxía de quen considera cada nova actuación como a primeira. Compartiu nos últimos anos escenarios e festivais con nomes de referencia da música contemporánea como B.B. King, Bruce Springsteen ou Elvis Costello. 

Os clásicos do soul dos sesenta e setenta interpretado polos galegos The Absenters precederán á chegada da diva no Outono Códax que chega así ao que sen dúbida é o concerto máis agardado do festival. 

Comentarios