O Outono Códax despídese con Ray Gelato, Hannah Williams e Mad Martin

O “rei do swing”, a voz do soul británico e o trío galego de rock clásico pechan unha edición na que o Outono Códax Festival ofreceu o mellor da música negra.

Hannah Williams
photo_camera Hannah Williams

Ray Gelato, Hannah Williams e Mad Martin son os nomes que compoñen o cartel da última noite da edición de 2014 do Outono Códax Festival que chegará ao seu fin co concerto do sábado 11 na sala Capitol como fin a un programa que trouxo a Compostela voces como as de Sonny Knight&The Lakers ou a gran Irma Thomas. 

Swing, soul e rock´n roll na última proposta dun festival que ten acadado un espazo de referencia no calendario musical anual, situando a Compostela cun amplo público fiel xa á calidade dos concertos que ofrecen en cada unha das súas edicións. Desta volta, e para pechar o cuarto ano consecutivo do Outono Códax Festival chegará á Capitol o “rei do swing”, maneira coa que se coñece a Ray Gelato canda a nova voz do soul británico Hannah Willians e os galegos Mad Martin Trío. 

A Ray Gelato débeselle en boa parte a recuperación das big band tradicionais e os sons dos anos corenta e cincuenta con The Chevalier Brothers. Con The Giants of Jive iniciou a seguir unha nova etapa que continuaría nos noventa coa denominación de The Ray Gelato Giants. 

Subirá tamén ao escenario da Capitol Hannah Williams, unha das voces máis potentes do novo panorama musical británico. Con A hill of feathers, o seu primeiro traballou, chegou á cimeira e conseguiu que fose comparada con voces como a de Janis Joplin ou Etta James. Os músicos da súa banda The Tastemakers fan de cada concerto unha experiencia única e que actuarán por vez primeira na Galiza. 

A aposta galega do festival para este peche de programa será Mad Martin Trío, o proxecto de Martín Esturao, Guillermo González e Manuel Brey que ten xa un EP editado en vinilo It was a very good year no que mostran a súa maneira de se achegar ao rock´n roll clásico dos anos 50. 

Comentarios