Outes invita a navegar os mares a través do cinema

En 1922, Robert Flaherty estreaba Nanook of the North, considerada hoxe a primeira longametraxe documental da historia. O éxito de público e de crítica daquel relato das dificultades dunha familia inuit, lexitimaba un xénero e mostraba ademais a súa viabilidade comercial.
Unha escena do filme 'Spitsbergen, o Gardián do Ártico', de Ignacio Benedeti Corzo. (Foto: Revillon Frères)
photo_camera Unha escena do filme 'Spitsbergen, o Gardián do Ártico', de Ignacio Benedeti Corzo. (Foto: Revillon Frères)

Cen anos despois, a V Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, organizada polo Concello de Outes, rende homenaxe a aquel filme pioneiro que propiciou que o cinema manteña a distinción entre ficción e documental.

Mares da Fin do Mundo é un festival de cinema comprometido co medio marítimo e co sector pesqueiro, que busca crear conciencia sobre a necesidade de coidar un dos nosos recursos naturais máis valiosos: o mar. A mostra decorrerá este ano durante cinco xornadas, do 28 de outubro ao 1 de novembro.

Na sección oficial participarán catorce obras documentais producidas con posterioridade ao 1 de xaneiro do 2021, chegadas desde diferentes puntos do mundo. Son catorce filmes, de dez nacionalidades distintas e falados en nove linguas, centrados na pesca sostíbel e a protección do medio ambiente mariño, cun especial interese nos aspectos culturais, sociais e políticos que rodean as comunidades pesqueiras tradicionais. Estas obras optarán a dous premios: o Premio do Público e, como novidade, o premio á Mellor Película da Competición Oficial, outorgado por un xurado profesional.

"Hai que ter en conta que somos un festival cunha temática moi concreta e que levar a cabo unha selección de calidade é complicado", explica a Nós Diario Marcos Gallego, director de Mares da Fin do Mundo. "Por iso estamos moi contentos de chegar aos catorce títulos, moi diferentes entre si, mais todos dunha gran calidade e interese". 

Tres efemérides

Mares da Fin do Mundo volverá contar con dúas seccións paralelas: Proa, na que se programarán filmes e cineastas na vangarda do cinema da realidade, que ollan cara ao futuro, integrada por From the Wild Sea, da danesa Robin Petré, e Last of the Right Whales, da canadiana Nadine Pequeneza, que documentan a influencia e o impacto dos humanos no medio mariño; e Popa, dedicada á proxección de arquivos e filmes históricos e na que se poderá ver Nanook of the North.

"Había tres efemérides que non podiamos ignorar á hora de levar a cabo esta edición do festival: o centenario de Nanook, o aniversario do afundimento do Prestige e Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais 2022,  promovido pola FAO", comenta Gallego. "Para a proxección de Nanook, chegamos a un acordo coa Fundación Flaherty para dispor dunha copia en 16 mm que será a que se exhiba o 1 de novembro. E tamén chegamos a un acordo coa FAO para que nos cedesen obras do seu fondo fotográfico para organizar unha exposición que terá como argumento a conmemoración do Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais". 

A respecto da conmemoración do vixésimo aniversario da Marea Negra ocasionada pola catástrofe do Prestige, proxectarase a reportaxe documental Nunca Máis, Marea de dignidade, producida por SAGA TV en 2003, e que narra o clima social e político na Galiza despois daquel accidente.

Cinema galego

Ademais, o filme de apertura da mostra será Luzzu (Malta/Estados Unidos, 2021) de Alex Camilleri, unha obra de ficción que documenta as dificultades dun pescador maltés para manter o seu medio de vida e tradición familiar. O de clausura, por outra parte, será a obra do galego Ignacio Benedeti Corzo Spitsbergen, O Gardián do Ártico, que documenta as consecuencias reais do quecemento global no Ártico a través dunha viaxe no quebraxeos Malmö.

"Spitsbergen é un filme que está tendo moita proxección: premiado en diversos certames internacionais de cinema, é candidato a cinco Premios Goya na edición de 2022", anota o director do festival.  Non será a única película galega: na sección competitiva tamén poderán verse Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo; Atalaia/Piueiro, de Xisela Franco; Liquid Ground, de Enar de Dios; e Voltar do Mar, de David Pérez, Rodrigo Martínez e Mikel Puertas.

Máis alá do cinema

Mais Mares da Fin do Mundo non queda na exhibición de filmes: un completo programa de actividades paralelas se desenvolve arredor do cinema. A gravación e emisión en directo do programa “Mar de Ardora” da Radio Galega; unha mesa redonda sobre “Os festivais de cinema no rural”, na que participarán profesionais do sector audiovisual; outra sobre “A imaxe da pesca e dos pescadores na sociedade”; saídas pola ría no veleiro Joaquín Vieta; unha andaina sobre a importancia da Carpintaría de Ribeira no Concello de Outes; unha actividade de “Achegamento ao marisqueo a pé”... son algunhas delas. 

"Estamos en contacto con todos os grupos de interese da zona -desde confrarías até grupos empresariais- para divulgar o interese que para todos eles e para a sociedade en xeral ten un festival como este", declara Marcos Gallego.

"Malia a importancia que ten o mar para a sociedade galega, seguimos vivindo moi de costas a el, ao contrario do que ocorre noutros países, nos que a produción audiovisual con esta temática concita un maior interese. Mais a medida que se vai dando a coñecer, vemos que o público responde moi ben. Temos moitas expectativas postas nesta nova edición".

Comentarios