ACTIVIDADES POR TODO O PAÍS

Outeiro de Rei, epicentro deste 17 de maio

A Casa de Hortas, hoxe sede da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, acolle mañá 17 de maio o acto oficial das Letras. E por todo o país se suceden actividades: manifestación de Queremos Galego en Compostela; concerto de Milladoiro dedicado a Manuel María na Coruña, o Festiletras en Ponteceso...

MM-deputacion
photo_camera Photocall da Deputación da Coruña

A Academia desenvolverá en Outeiro unha sesión extraordinaria e aberta ao público na que tomarán a palabra tres membros de número para renderlle homenaxe a Manuel María. Manuel Rivas, Margarita Ledo e Darío Xohán Cabana serán os encargados de retratar a vida e a obra do prolífico escritor. A Banda Sons e Soños acompañará o acto, que comezará a partir das 12.30 horas.  

Mentres, o Consello da Cultura Galega celebra o Día das Letras cun concerto no teatro Rosalía da Coruña protagonizado por Milladoiro, que poñerá música aos textos do poeta lugués canda outras pezas da emblemática formación, nun formato en que tamén haberá espazo para a danza. 

Outra das citas consolidadas é o festival organizado pola Fundación Pondal, o evento máis amplo, que ocupa toda a semana (de domingo 15 a domingo 22) con cumprida programación: entrega dos premios 'Bos e Xenerosos', Guadi Galego, Mini e Mero, Davide Salvado, Quico Cadaval, Bieito Romero, Carlos Blanco e Sés, entre moitos outros. 

Quen tamén ten unha programación abondosa estes días é A Coruña, cidade na que o poeta viviu os seus últimos anos, que inclúe o propio día 17 unha lectura pública de poemas e un concerto da Banda Municipal. 

Manifestación en Compostela

A xa tradicional manifestación do 17 levará por lema 'O idioma é a vida', un dos versos do poema 'A Fala' de Manuel María. Unha mobilización que desde Queremos Galego agardan que reúna miles de persoas para amosar “máis unha vez, que a inmensa maioría do pobo galego quere a súa lingua e accións políticas reais e efectivas para repola e rehabilitala en todos os espazos”. 

Comentarios