DA ACADEMIA E DA XUNTA

Outeiro de Rei acubilla os actos institucionais dedicados a Manuel María

A Casa de Hortas acolle a celebración que a Real Academia Galega fai do Día das Letras. Manuel Rivas, Margarita Ledo e Darío Xohán Cabana lembran diante de centos de presentes a traxectoria vital e literaria do escritor.

outeiro de rei
photo_camera [Imaxe: Xurxo Lobato]

Outeiro de Rei é epicentro dos actos de conmemoración do Día das Letras Galegas. A xornada comezou coa actividade institucional convocada pola Xunta de Galiza no CEIP Laverde Ruíz onde tomaron a palabra o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e o alcalde da vila, José Pardo.

Na súa intervención, Feijóo destacou na biografía de Manuel María os "fitos marcados polas tertulias máis singulares da época". Así, lembrou o traballo do poeta en relación á "cultura oral" e definiuno como un "tertuliano co don da palabra". O presidente da Xunta aludiu á "diversidade ideolóxica" daquelas tertulias e á "capacidade comunicativa" dos seus integrantes.

Neste contexo, Feijóo fixo referencia á "convicción nacionalista de Manuel María" e á "tendencia conservadora de Xosé Filgueira Valverde". "Os dous son afluentes do gran río que é a cultura galega".

Acto da RAG

Ao remate do primeiro acto, a comitiva, da que forman parte Saleta Goi, muller do homenaxeado e presidenta da Fundación Manuel María, e Alberte Ansede, secretario da entidade, desprazouse a unha carpa situada fronte á Casa de Hortas, onde se sitúa a casa-museo Manuel María e desde ás 12.30h tivo lugar alí o acto convocado pola Real Academia Galega.

Os membros numerarios Manuel Rivas, Margarita Ledo e Darío Xohán Cabana recuperaron a traxectoria da obra e da vida de Manuel María. Xesús Alonso Montero, presidente da academia, fechou o acto.

Comentarios