Ourense declara a guerra á cultura

Non corren bos tempos para a cultura na cidade de Ourense. A decisión de dedicar a sala de exposicións do centro José Angel Valente a oficinas municipais é un exemplo disto. As iniciativas do tecido social de base son as primeiras vítimas das políticas levadas adiante polo Goberno de Gonzalo Pérez Jácome.
Mostyra internacional teatro universitario Ourense
photo_camera Representación nunha Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense. (Alberto Rizzo)

O cambio de usos do centro cultural ourensán José Angel Valente é o último exemplo. O espazo, situado nun edifico emblemático, obra dos recoñecidos arquitectos Juan de Zavala Lafora e José Yarnoz Larrosa, alberga a principal sala de exposicións da cidade. Porén o Goberno bipartito conformado polo Partido Popular (PP) e Democracia Ourensá (DO) pretende trasladar a estas instalacións diversas dependencias administrativas do Concello. A decisión é criticada pola totalidade dos grupos da oposición.

O portavoz do BNG, Luís Seara, afirma ao respecto que "é unha decisión inexplicábel pola falla de espazos culturais, mais coherente cunha política cultural que xa vén da anterior lexislatura".

O pasado 23 de abril o Goberno local acordaba cancelar todas as actividades culturais na cidade de Ourense até o mes de novembro. A resposta non se fixo agardar. Uns días máis tarde, nun comunicado público "colectivos, asociacións, empresas e axentes culturais, así como artistas asinantes" denunciaron "a obstinada persecución da cultura e da arte por parte do actual Goberno municipal e do seu alcalde Gonzalo Pérez Jácome". No mesmo chamado advertiron de que "no ano da xeración Nós, este equipo do PP e DO cortan a vida dun sector que está sendo crucial no confinamento: todas as redes sociais e medios de difusión en streaming ofrecen libremente produtos culturais".

O comunicado é representativo do mundo cultural de Ourense. Entre os asinantes atópanse eventos culturais tan consolidados como a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense ou o Festival Internacional de Música Porta do Paraíso, grupos de teatro como Sarabela ou Trécola, escritoras como Rebeca Beceiredo, creadores como Xosé Lois Vázquez ou xestores culturais como Lois Pardo. Os autores e autoras do mesmo solicitan "unha reunión inmediata e executiva con Jácome e con representantes dos grupos políticos do Concello para articular e reorientar a acción cultural e a vida artística na cidade nestes meses, recuperando orzamentos suspendidos nestes anos e os espazos públicos e infraestruturas en base a un programa concreto".

Política continuísta

Non é a primeira entrevista demandada ao alcalde polo tecido cultural da cidade. Á volta do pasado novembro, 88 colectivos e persoas a título individual solicitaban unha xuntanza ao rexedor, que se negaba a recibilos. 

Asinantes do chamado consultadas por Nós Diario consideran que Jácome está dándolle continuidade á política cultural comezada polo anterior alcalde, o popular Jesús Vázquez, cuxa etapa á fronte da Consellaría de Educación da Xunta da Galiza está marcada polas decisións contrarias á lingua galega.

"Este modelo xa procede do anterior alcalde do Partido Popular", sinala a Nós Diario Xosé Lois Vázquez, fotógrafo, deseñador e un histórico do activismo cultural na cidade. "Contextualizo isto no marco dunha política cultural na que Jácome, Ayuso ou Trump son tres persoas que manifestan unha forma ideolóxica que pretende desmontar a sociedade e destruír os protocolos democráticos. Isto acontece porque as clases dominantes e o capitalismo na súa fase financeira pretenden que a superestrutura deixe de ter manifestacións na realidade material", afirma González, quen considera que Pérez Jácome "non é unha caricatura".

"Aquí en Ourense coincide a aliñación dos planetas. Unhas políticas irresponsábeis, un corpo técnico que non colabora e unha sociedade que ten problemas económicos", destaca o xestor cultural Lois Pardo en declaracións a este medio. Pardo teno claro e considera que "a cruzada deste Goberno municipal semella ter uns obxectivos políticos claros e teimudos, na procura de rematar co tecido cultural e máis co capital social desta cidade, eliminando de paso a formación dun espírito crítico no noso concello. De non ser así, faise difícil entender como Ourense é incapaz de manter unha mínima acción cultural, deixando todo o protagonismo aos axentes culturais".

Do Outono Fotográfico a Porta do Paraíso

As consecuencias das políticas culturais do Partido Popular cultural en solitario e actualmente en parcería con Democracia Ourensá están á vista. Na anterior lexislatura Jesús Vázquez deixaba caer o Outono Fotográfico, a mostra de fotografía de máis relevo do país. Pola súa banda, Pérez Jácome vén de retirar o seu apoio económico ao Festival Internacional de Música Porta do Paraíso e pon en risco a continuidade da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense

Comentarios