Ourense en Común esixe recoñecemento para o escultor Arturo Baltar

O universo da escultura de Arturo Baltar (Coles, 1924 – Pereiro de Aguiar, 2017) era o dos humildes. Xentes traballadoras, a aldea de posguerra, derrotados, as vítimas dun país negado, a relixión como cultura popular. Menos dun mes despois da súa morte, Ourense en Común vén de anunciar que esixirá no pleno municipal a “apertura de expediente de honra” para o artista.
 

escena Belén Arturo Baltar
photo_camera Escena do Belén de Arturo Baltar. Foto: cedida.

Segundo a plataforma municipalista, que conta con tres edís, Baltar foi “un dos ilustres da alcumada por Otero Pedrayo como Bela Auria”. No comunicado remitido aos medios de comunicación, lamentan que o recoñecemento que solicitan “chegará tarde e non en vida”, como sucedeu no caso do historiador Marcos Valcárcel.

Ourense en Común lembra o “inmenso valor etnográfico” da obra escultórica de Baltar, maiormente un estudo da vida dos de abaixo, unha celebración dos costumes en común realizada a partir de miniaturas en barro con certo aire expresionista. “Reivindicamos a figura de Arturo Baltar Santos e a súa práctica de cidadanía creadora”, di, “valores e ideas que compartimos como parte dunha comunidade, a expresión do que Ourense significa para cada un de nós”.

A iniciativa de Ourense en Común, segundo indican xa comunicada á familia do escultor e á súa contorna de achegados, tamén pedirá unha ampliación do horario do museo dedicado á obra de Baltar que se atopa na capela de San Cosme e San Damián. O edifico abeira o seu famoso e laico Belén e pezas como A matanza dos inocentes, Taberna ou A Bilbaína e só abre dúas horas ao día.

Comentarios