Os 'seres libris' toman o Culturgal

A gran casa da cultura galega abriulles as portas a un novo tipo de persoa, de público, de consumidor@ cultural. O Culturgal, no seu segundo día deste ano, encheuse de visitantes que, entre os setenta postos da feira, coñeceron de primeira man as últimas novidades da industria cultural.
Culturgal
photo_camera Culturgal

A gran casa da cultura galega abriulles as portas a un novo tipo de persoa, de público, de consumidor@ cultural. O Culturgal, no seu segundo día deste ano, encheuse de visitantes que, entre os setenta postos da feira, coñeceron de primeira man as últimas novidades da industria cultural. Igual que todos os anos, mais cunha diferenza. @s visitantes, @s de sempre e os novos, non o sabían, mais todas as persoas formaban parte dese concepto novo, desa realidade remudada, dese tipo de ser que levan no sangue aínda que até agora non lle sabían o nome. Todas elas “son seres libris”, un tipo de persoa, de persoa, de muller e de home, que cumpre todas as súas necesidades físicas e espirituais. Respiran, aliméntanse, quérense, dormen, soñan, comparten, viven e len. Esa é a mensaxe que transmite o anuncio que a Asociación Galega de Editores (AGE) presentou para a campaña de nadal. “Eu tamén son ser libris”, rezan as chapas e os cartaces promocionais. Eu tamén son, ao fin e ao cabo, un ser libis e libre. “Defendemos a biodiversidade de lectura e de soportes, a biodiversidade xeracional. Iso defende o sector”, explicou Manuel Bragado ao comezo á hora de falar deste anuncio de conciencias que ideou a produtora Illa Bufarda, conformada polas creadoras Adriana Pérez e Sabela Iglesias.

 “Defendemos a biodiversidade de lectura e de soportes, a biodiversidade xeracional. Iso defende o sector”, explicou Manuel Bragado

Biodiversidade. Ese o termo que podería definir perfectamente o sentir deste Culturgal de urxencia, de situación de emerxencia, en plena economía de guerra. A biodiversidade respirouse antes, e mesmo despois, de que as autoridades, conselleir@s e alcaldes, inaugurasen onte a gran Feira das Industrias Culturais. Unhas industrias, que en plena crise de asfixia, non quixeron defraudar en Pontevedra neste Culturgal que, como é costume, resulta imposíbel de resumir nun feixe de liñas concatenadas. A biodiversidade é tan etérea como ampla, demasiada complexa para calquera crónica.

 Cantos da Maré e Os da Ría

Tras unha sexta feira de toma de contacto, dun primeiro día de entrada en calor, o Culturgal reborda de multitudes, de seres libris cheos de necesidades, na súa segunda xornada. Neste sábado de día grande arrancou a media mañá cun dobre son, con dous estilos musicais ben diferentes. En primeiro termo, a cantante Uxía foi a encargada de anunciar a décima edición do Cantos na maré, que o próximo 12 de xaneiro encherá o Pazo da Cultura do sentir da lusofonía. “Unha gran celebración musical e unha festa da irmandade”, admitiu Uxía, quen volverá ser a responsábel artística deste concerto. A música poñerana catro voces diferentes, procedentes de diversos puntos da xeografía lusófona, moi afastadas entre elas na distancia física, mais tan próximas no espiritual que se senten irmás. Desde Portugal chegará Rui Veloso, o auténtico “pai do rock portugués” en palabras de Uxía. Doutra banda, de Mozambique virá Cheny Wa Gune, “mago da fusión dos ritmos tradicionais coa música moderna”. O brasileiro Chico César volverá a Cantos na Maré dez anos despois de ser o seu primeiro director musical e recoñecido xa como unha das voces máis enérxicas a nivel internacional. Por último e desde Galicia, Sés será a encargada de poñer a nota máis próxima neste concerto. “Unha das novas promesas musicais de Galicia”, destacou Uxía, quen lle pediu ao público que adquise canto antes as entradas, ao ser habitual que se esgoten rapidamente.

A presenza do público, máis alá da asistencia pasiva, tamén require nalgúns puntos dunha implicación máis activa. O público tamén pode tomar a palabra, tanto escrita como falada

E á mesma hora que Uxía presentaba os Cantos na Maré, o grupo rei da “música livián” galega e en galeigueiro, Os da Ría, presentou o seu Disco Díscolo, unha recompilación dos seus mellores temas e con auténticos “himnos de ouro” desta banda trangalleira. Himnos regados con viño Senlleiro, unha edición especial de caldos elaborada pola Adega María do Pilar para acompañar un álbum de humor e música con grandes temas dedicados a Fernando Ónega, Alberte Núñez Feixóo, Manuel María ou Álvarez Blázquez.

Deste xeito, a música continuou na xornada grande do Culturgal. Se a sexta os concertos recaeran en lugares como a Sala Kharma, onde actuou a Banda Fura Fura, creada en homenaxe ao Zeca Afonso, ou o Café Moderno, onde aCadaCanto ofreceu un gran recital; nesta segunda xornada a música instalouse no Patio. Por alí pasaron e seguen a pasar no día de hoxe artistas como Silvia Penide, Xoan Curiel, quen presentou o seu disco Magnético Zen, Emilio Rúa ou a propia Uxía, quen presentou o seu disco Andando a Terra, un álbum no que a cantante, na compaña de Sergio Tannus, musica poemas de Manuel María.

Operación E e Luís Tosar

Un dos protagonistas da xornada por partida dobre foi o actor Luís Tosar, quen pola mañá participou nunha breve conferencia de prensa para presentar a súa película Operación E, dirixida por Miguel Curtois. Tosar, acompañado dos produtores Juan Pablo Tamayo e Farruco Castromán, definiu a película como unha sorte “de peripecia rocambolesca”, cuxa trama reflicte a situación de Colombia e a loita das Farc. Ademais, Tosar, acompañado por Castromán, participaron este sábado nas conversas do Salón, onde Xosé Manuel Pereiro os entrevistou, como tamén a Manuel Lourenzo ou Xesús Constenla. Por este mesmo espazo, xa pasaron onte Ignacio Escolar, Rexina Vega e Xosé Monteagudo e no último día do Culturgal, os seus protagonistas serán Agustín Fernández Paz, Xavier Alcalá, Teresa Moure ou María Reimóndez.

A literatura, polo tanto e como é habitual, tamén ten o seu espazo na Culturgal e varios foron @s autor@s que falaron das súas últimas obras en presentacións máis tradicionais. Así pasaron polo Salón os gañadores do Premio Xerais, Manuel e María Lorenzo, por Tonas de Laranxa; Pedro Feijóo, quen falou de Os fillos do mar, ou Ramón Caride, quen analizou o seu Sarou/louzós. Ademais, a editorial Galaxia presentou xa a sexta o seu proxecto Galaxia Tales e Galaxia Comics, dúas iniciativas anovadoras na edición dixital.

 O Proxecto Cárcere e a participación do público

Polo Culturgal tamén están a pasar diversas iniciativas culturais e cívicas, como é o caso do Proxecto Cárcere, que se deu a coñecer no Garaxe do Culturgal, presentado pola xornalista Belén Regueira. O Proxecto Cárcere, que naceu na Coruña hai xa dous anos, trata de rehabilitar e tomar para a cidadanía o antigo cárcere da Coruña, espazo con forte carga de memoria histórica aos pés da Torre de Hércules. Os promotores explicaron que non é simplemente unha plataforma para recuperar ese espazo, senón que o realmente importante, alén dos proxectos, é a forma de levalos a cabo. De forma aberta, plural e independente.

A presenza do público, máis alá da asistencia pasiva, tamén require nalgúns puntos dunha implicación máis activa. O público tamén pode tomar a palabra, tanto escrita como falada. Deste xeito, na Narración do Culturgal os participantes poden escribir un conto colectivo e artellar unha historia conxunta. Doutra banda, no Stand do Público, os participantes toman a palabra diante da cámara para falar da súa experiencia co Culturgal, mais tamén as súas vivencias como consumidor@s activ@s da cultura do país. “Cos participantes que estamos a falar, un pódese decatar de que hai un desfase entre a idea da cultura galega que teñen, que hai de forma xeral, e o acto cultural final, o verdadeiro, o de consumo”, analiza María Yáñez, quen se encarga de gravar as conversas do Stand do público e de lanzarlles as preguntas aos participantes. “Algúns comentan os gastos que realizan ao ano en cultura do país, e as cifras oscilan entre os que din 150 euros e os que admiten 400”, explica Yáñez, quen tamén recoñece que nun primeiro momento graváronse conversas deste tipo nas rúas de Pontevedra. “Esas gravacións resultaron un bater coa realidade. Moitos dos que entrevistamos nas rúas de Pontevedra descoñecían que existía o Culturgal, non sabían o que era iso, nin tiñan moita idea ao respecto das industrias culturais”, admite Yáñez. Quizais, máis aló dos muros do Culturgal, queda moito ser libris por descubrir.

Comentarios