Unha mostra reflexiona sobre estas institucións

Os porqués dos museos

Por que un museo contén as pezas que conten. Cales son as súas funcións e os seus límites. Con quen dialogan. De onde proceden os seus fondos. Que explican sobre a historia de Galiza. Estas e outras cuestións próximas son as que levaron á historiadora Sabela López Pato a organizar a mostra Fóra dos museos, cuxo primeiro episodio -dun total de seis ao longo de oito meses- pode visitarse na libraría Numax de Compostela.
 

'Fóra dos museos' 1
photo_camera Presentación da primeira peza de 'Fóra dos museos'. No centro, a comisaria da mostra, Sabela López Pato.

Dous anacos do mosaico romano da Cigarrosa protagonizan o inicio da exposición. A partir deles, a investigadora propón pensar arredor das orixes dos museos galegos. “Achados en 1896 entre Petín e a Rúa, pertencen ao Museo Arqueolóxico de Ourense”. Este é o centro expositivo máis antigo do país, lembra López Pato (Ourense, 1975), que ultima a súa tese de doutoramento sobre o sistema museolóxico nacional.

O Arqueolóxico de Ourense, en concreto, ten un papel na prehistoria da revista Nós. Adscrito á Comisión Provincial de Monumentos, o seu boletín acolleu sinaturas que logo aparecerían na publicación do grupo nacionalista de Ourense. “Estudar o comezo desta institución axuda a coñecer os primeiros proxectos sobre o patrimonio e tamén ate onde se podía chegar, os seus horizontes e as súas expectativas”, di.

sete balas de Iria Flavia

A peripecia do mosaico romano da Cigarrosa é, ademais, significativa. Os dous fragmentos expostos en Numax facían parte dun mosaico de 25 metros cadrados instalado nun complexo termal. As dificultades económicas e técnicas impediron trasladar o mosaico cando foi descuberto a finais do século XIX. Aqueles incipientes arqueólogos recolleron mostras como as que agora amosa Fóra dos museos. En 1972, as obras da estrada que entra en Galiza á beira do Sil descubriron varios mosaicos completos semellantes.

“O recuperado expúxose no Concello da Rúa ata o seu traslado a Ourense”, escribe López Pato na folla de sala que acompaña a exposición, “mais en cuestión de horas, os restos foron maltratados e botados ao exterior. O persoal do museo ourensán acudiu deslado a recoller os anacos recuperables”. O da Cigarrosa non foi un caso illado de desprezo ao patrimonio, engade. Os sucesos de Oseira, que remataron con nove mortos, estalaron pola oposición da veciñanaza a que levasen o coro da igrexa.

As sete balas de Iria Flavia


O seguinte obxecto que se exporá en Numax son unhas balas atopadas no campo de concentración franquista de Iria Flavia, en Padrón. Atópanse depositados no Museo das Peregrinacións de Compostela, museo arqueolóxico de referencia da zona. A munición emerxeu durante unha obras para urbanizar o lugar. O rastro da Guerra Civil -aínda que non se puido determinar se os proxectís son de fusilamentos- e a súa xestión museolóxica a partir da cuestión “onde gardamos a memoria?” vertebrarán as cinco semanas de exposición.

Os apuntamentos etnográficos de campo de Víctor Said Armesto -a primeira vez que se describían os apeiros de labranza-, a única escultura coñecida de Castelao -de 1926 por encargo de Cerámicas Celta-, unha virxe barroca e a pedra litográfica coa que se estampaban as latas de conservas Massó completarán un programa que remata en novembro. En todas as presentacións das pezas participarán expertos e traballadoras de museos. 

Nota: foto da presentación de Fóra dos museos coa historiadora Sabela López Pato (no medio) e os anacos do mosaico romano da Cigarrosa en primeiro plano. Imaxe das sete balas de Iria Flavia

Comentarios