Os Premios Mestre Mateo chegan este ano a unha vintena de concellos

Realizaranse proxeccións simultáneas en vinte municipios galegos das persoas candidatas a obteren un galardón no certame.
Presentación do Ciclo Mestre Mateo na sede da Deputación de Pontevedra, coa súa presidenta, Carmela Silva, en primeiro plano (Foto: Deputación de Pontevedra).
photo_camera Presentación do Ciclo Mestre Mateo na sede da Deputación de Pontevedra, coa súa presidenta, Carmela Silva, en primeiro plano (Foto: Deputación de Pontevedra).

Os finalistas dos Premios Mestre Mateo chegarán a unha vintena de municipios de todo o país da man das catro deputacións, en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual. O Ciclo Mestre Mateo foi presentado esta cuarta feira en catro roldas de prensa simultáneas en cada unha das sedes das deputacións galegas.

Trátase dunha iniciativa que achegará os proxectos finalistas dos Premios Mestre Mateo a cidades e pobos das catro provincias. En total, serán vinte os municipios que formarán parte do ciclo.

Alí poderán gozar cada mes de proxeccións dos candidatos para facerse cun galardón na vixésima gala dos Mestre Mateo, que terá lugar o próximo 19 de marzo.

As proxeccións terán lugar de forma simultánea nas 20 localidades que acollen o proxecto. A entrada será gratuíta e a programación definitiva será detallada nunha web creada para a iniciativa.

Durante as catro roldas de prensa da presentación, representantes dos gobernos provinciais subliñaron o compromiso de cadansúas administracións co audiovisual e coa necesidade de achegar as producións galegas ao público.

O proxecto xorde das proxeccións das películas finalistas en 2021 nas localidades lugesas de Chantada, Foz e Vilalba. Agora estenderase a toda a Galiza coa misión de "democratizar a cultura, achegándoa ao local", segundo subliñou a presidenta pontevedresa, Carmela Silva.

Pola súa parte, a Academia Galega do Audivisual encargarase de proporcionar ferramentas específicas sobre produción e comunicación das proxeccións aos responsábeis municipais. O primeiro ano de vida do proxecto será avaliado a finais de 2022 nun encontro no que participarán as persoas implicadas na iniciativa, que nace con vocación de "continuidade".

Comentarios