Os membros do Padroado do CGAC non foron informados pola Consellaría da demisión de de Sousa como presidente

A consellaría de Cultura non informou de maneira oficial aos membros do padroado do CGAC da demisión do seu presidente de Sousa Faro. Segundo varios membros consultados por Sermos Galiza, nin houbo notificación da Xunta nin foron convocados para ningunha reunión do padroado. 

CGAC
photo_camera CGAC

“A Consellaría non mandou ningunha notificación oficial da demisión. Non sei como me enterei mais foi fóra dos conductos oficiais”, comenta un dos membros do padroado do CGAC que di que non tivo ningunha comunicación do órgano ao que pertence “cando menos, desde antes de Nadal”. Entende que o padroado non nomea ao seu presidente e, polo tanto, tampouco ten que presentar alí a demisión mais, de todas maneiras, chámalle a atención que en máis de cinco meses non teña tido ningunha comunicación ao respecto. Cinco meses é o tempo que pasou desde que, segundo di agora a Consellaría, o presidente tería presentado a súa demisión. 

Outra persoa que leva anos tomando parte do órgano do CGAC tamén se mostra sorprendida por terse enterado no “disquemedisque” e que o organismo responsábel do Padroado do que é vogal a título persoal -hai quen está en representación de organizacións- non se tivera posto en contacto até o de agora para comunicarlle a nova situación. Manifesta tamén que na súa mesa non hai convocatoria ningunha de nova xuntanza, mesmo sendo este un ano de singular relevancia para o Centro ao se cumpriren os vinte anos da súa creación polo que está anunciada unha programación especial. 

Cultura informou sobre a renuncia de De Sousa, Gayoso e Méndez só despois de que Sermos Galiza publicase que o presidente de Pescanova continuaba a presidir o padroado

A noticia da situación pola que atravesa o CGAC foi publicada por Sermos Galiza a pasada quinta feira día 19 ao ter coñecemento de que o presidente de Pescanova, de Sousa Faro, continuaba a todos os efectos presidindo o padroado do Centro. Nomeado en 2011 por un decreto do presidente da Xunta asinado tamén polo entón conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e publicado no DOG, en ningún momento desde o goberno galego se fixo movemento administrativo algún para o afastar do seu cargo, malia as serias acusacións que pesan sobre el. Tamén figuran como padróns do CGAC os outrora responsábeis de Caixa Nova e Caixa Galicia, Julio Fernández Gayoso e José Luís Méndez que, sempre segundo a Consellaría, terían apresentado a súa carta de renuncia un mes despois de de Sousa Faro mais tampouco deste feito teñen coñecemento os outros membros do Padroado.

A Consellaría de Cultura e Educación fixo públicas as renuncias dos tres membros do padroado só cando a información de que non foran cesados foi publicada por Sermos Galiza. A día de hoxe, cinco meses despois de que, segundo a Xunta, se tivera producido a renuncia, nin o Consello da Xunta -que foi quen fixo o nomeamento- nin o DOG -que é quen o publica de maneira oficial- tomaron coñecimento formal do acontecemento. Tampouco os vogais do Padroado foron informados de que o órgano do que toman parte está sen presidente. Neste momento ocupa a presidencia en funcións a anterior vicepresidenta, Sofía María de la Soledad Santos, profesora da Universidade de Santiago. 

Comentarios