Até o domingo

Os tapices de Luís Seoane, no DIDAC

A exposición “Tecendo a historia” recompila algúns dos tapices feitos por Luís Seoane e María Elena Montero sobre a historia e as tradicións galegas. Pódese visitar na Fundación DIDAC até o vindeiro 7 de abril.

MEM_LS_vista5
photo_camera [imaxe: Fundación DIDAC]. Tecido e cartón da obra Pedro Madruga e o Bispo de Tui.

Luís Seoane é un dos máis prolíficos intelectuais galegos do s. XX. A súa foi unha vida dedicada ao activismo, á escritura e ao xornalismo. Tamén ás artes gráficas, ámbito no cal se consagrou como un dos máis importantes pintores galegos do século pasado.

Como artista, ademais dos seus labores sobre o óleo, desempeñou traballos como debuxante, gravador e deseñador (de libros e cerámica). Dentro da súa recoñecida publicación artística, cómpre destacar a non tan coñecida colaboración coa artesá María Elena Montero, coa cal realizou unha serie de vinte tapices sobre Galiza.

Estas obras viron a luz por primeira vez no ano 1979 na galería Citania, en Compostela, nunha exposición que Seoane nunca chegou a presenciar a causa do seu falecemento meses antes. Case corenta anos despois da súa mostra, a Fundación DIDAC recupera parte dos tapices nunha exposición que se pode ver na súa sala desde o pasado 20 de febreiro ata o vindeiro domingo.

Tecendo a historia

[imaxe: Fundación DIDAC]. Pantonarios utilizados para a creación das pezasA exposición está composta por once das obras, acompañadas dalgúns dos cartóns e pantonarios orixinais que os autores utilizaban na súa creación. A tradición e os costumes galegas son os protagonistas destes tecidos. As pezas representan os elementos do rural galego. Retratan personaxes como as marisqueiras e o campesiñado e escenas como a sega e a batalla dos irmandiños.

A súa foi unha colaboración transatlántica. Luís Seoane, exiliado en Bos Aires, deseñaba os cartóns que posteriormente Mª Elena Montero tecía no seu taller na Coruña. Para iso, contaban coa axuda dos pantonarios, unhas barras con diversas las enroladas cuxas cores estaban identificadas cun número. O intelectual realizaba os bosquexos en grandes pezas de tea, nas cales marcaba en vermello o perfil das figuras e en negro os números das cores de cada fragmento.

Comentarios