Ortigueira quenta motores para a 29 edición do Festival Internacional do Mundo Celta

Dende principios da semana, a chegada dos folkys facíase notar na vila cantábrica. O bo tempo augura unhas xornadas de luxo xunto a un cartaz con forte presenza galega e no que Gwendal regresa após oito primaveras

Se nun contexto de crise algo funciona son os encontros musicais de balde. Os concertos do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, na súa vixésimo novena edición, seguen co mesmo espírito universal que cando este comezou alá polo ano 1978. E se a iso sumamos un cartaz atractivo e uns días de calor, o éxito está asegurado. O festival promete ser a cita do folk en Europa, con 16 concertos gratuítos, entre o 11 e o 14 de xullo. 

Dende principios de semana, a chegada de folkys de todo o mundo facíase notar na vila cantábrica. O regreso do conxunto bretón Gwendal a Galiza, após oito primaveras, para celebrar o seu 40 aniversario e a presenza dos irlandeses Guidewires e Kan serán o gancho internacional para os miles de asistentes que cada ano se achegan a este municipio coruñés.

Aliás, no emblemático escenario de Estrella Galicia resoarán nomes galegos, entre os que destacan os ferroláns Os Cempés, a Banda Crebisky, Birimbao e Riobó. Xunto a eles, se presentarán as catro mellores bandas noveis do folk do momento, encargadas de dar o pistoletazo de saída á esmorga celta na quinta feira do 11 de xullo. 

Os gañadores do proxecto Runas 2013, seleccionados por un xurado e os propios internaras a través da páxina web do festival, competirán por un posto na programación da vindeira edición e por un premio en metálico de 2.500 euros. Os conxuntos debutantes son:  Ruaille Buaille dende Euskal Herria, Boc das Illas Baleares, os Folk on Crest de León e Guezos, representando a Galiza. 

Como é habitual, nas rúas desta pequena vila de 6.500 veciños, as bandas de gaitas, os pasarúas, espectáculos variados e a mítica feira de artesanía amenizarán as catro xornadas 'máxicas' á beira do Cantábrico. Ademais, esta edición contará coa exposición 'Galicia's dream' de man do fotógrafo Vicente Ansola, coa proxección do documental Ortigueira: os ecos de Finis Terrae e con obradoiros de danza irlandesa.

Novidades de pago

Após suprimirse o pasado ano, o servizo de comboios que conecta a acampada coa vila- onde se celebran os concertos- e o parking, recupérase nesta nova edición. Iso si, sendo por primeira vez na historia do festival, de pago. Deste xeito, por cada viaxe, haberá que abonar un euro. 

Aliás, tras 28 edicións de servizo gratuíto, tamén haberá que pagar por deixar os turismos estacionados no parking. “O prezo será de 15 euros se chegan o xoves ou o venres e de 10 euros, se chegan a partir do sábado”, explican na web do festival. 

Segundo ano de restricións no acceso á acampada

Tras a edición máis frouxa en asistencia que viu o festival nos derradeiros anos, após o endurecemento da normativa para regular a actividade do camping, a reacción por parte do público desta edición inda é unha incógnita. 

O pasado ano, a organización restrinxía o acceso á acampada-que é de balde- aos postos de artesanía e de comida, alén de prohibir @s asistentes montaren carpas de música. Namentres esta última medida foi acollida con bastante aceptación para impedir a progresiva 'invasión' das carpas con música techno ou rabes, alleas ao espírito folk do festival, as restricións aos artesáns non acabaron por convencer ao público.

“Mentes na vila sempre houbo que pagar para montar os postos de artesanía, na acampada sempre foron de balde porque eran os de formato máis reducido. Se é certo que querían rematar coa competencia desleal, non entendemos por que o pasado ano, puxeron por ver primeira un supermercado na acampada que ameaza o negocio do bar que leva aquí toda a vida”, reflexiona un artesán da Coruña. “Cremos que o que procuran, en realidade, é conservar o pastel para eles sós”, resolve. 

Con todo, e a pesar de que o anuncio das restricións á venda ambulante fixo renunciar a moitos artesáns a acudir á edición do 2012, finalmente os postos de comida e artesanía de pequeno formato conseguiron montar na acampada. Non así unha rabe que se organizou na madrugada do sábado espontaneamente e que foi clausurada por axentes da policía española. 

Haberá que agardar para saber o nivel de man dura dos axentes da lei, malia que voces chegadas dende Ortigueira informaron a Sermos Galiza de que os artesáns regresan este ano ao camping e con intención de montaren os seus postos. 

Comentarios