Con escenario ambulante incluído, os sons das verbenas sentíronse nas rúas de Compostela na manifestación convocada pola Asociación de Músicos e Cantantes da Verbena Galega e a Asociación Galega de Orquestras.
Ao ritmo da popular “A Santiago vou” de Os Tamara, centos de persoas fixeron soar os seus instrumentos de traballo e as súas voces ao cantar: “Por Santiago vou, lixeiriño, camiñando/Para que regularicen a este sector que está agonizando”.
Con música os lemas da manifestación foron saíndo ao ritmo de Guantanamera ou Carmiña. As reivindicacións explicitáronas en cinco puntos: verbena galega patrimonio cultural e ben de interese turístico, loita polos dereitos d@s músic@s, regularización do sector, IVE cultural reducido e permanencia das comisións de festas.