A Orquestra Jazz de Galicia presenta o seu primeiro disco en Vigo

A Orquestra de Jazz de Galicia presentará en directo, a vindeira quinta feira, 17 de decembro, o seu primeiro traballo discográfico, “Fame”. E contará con colaboradores de luxo como Carmen París, Kepa Junkera, Uxía, Narf ou Quique Peón. 

Orquestra de Jazz de Galicia - promo 2 (Óscar Martínez)
photo_camera Óscar Martínez

O primeiro disco da formación musical soará por primeira vez en público no Auditorio Mar de Vigo no Concerto de Nadal da Universidade, que pecha con este evento as celebracións do 25 aniversario da súa creación.  A actuacion da Orquestra de Jazz de Galicia comezará ás 20.30 horas e ademais dos seus trinta intérpretes contará con invitados de luxo como Carmen París, Kepa Junkera, Uxía e Narf, Toño Domínguez, Xurxo Fernandes, Quique Peón, Javier Feijoo Xisco, Jesús Manuel Fernández, Edelmiro Fernández, Eva Otero e o grupo de pandeireteiras Lilaina.

Dirixida por Roberto Somoza e Pedro Lamas, a Orquestra de Jazz de Galicia é un proxecto de máxima excelencia, un proxecto único e novidoso que proxecta a música tradicional galega en confluencia co jazz, o folk, a música clásica e as músicas improvisadas contemporáneas. Entre os músicos que a compoñen están Abe Rábade, Germán Díaz, Pablo Castaño, Ton Risco ou Xosé Lois Romero. 

Este proxecto conta coa participación de preto de medio cento de músicos vencellados aos proxectos máis importantes da escena musical contemporánea galega, e conta coa colaboración de artistas galegos -como Xabier Díaz, Quique Peón ou Guadi Galego- e da Península Ibérica como o é o caso de Carmen París, Aleix Tobías (Coetus) ou Kepa Junkera, entre outros. 

Todas son melodías tradicionais

Todas as músicas son melodías tradicionais de Galiza arranxadas por Pedro Lamas e orquestradas por Roberto Somoza. “Fame” está composto por dez arranxos sobre diferentes melodías tradicionais e recollas de campo (­traballo de investigación que se fai indo polas vilas e gravando a informantes que contan, cantan e tocan as melodías herdadas dos nosos devanceiros)­ que reflicten a profundidade da música propia de Galicia. Entre elas, o toque de chifre que no ano 1952 inmortalizou o neoiorquino Alan Lomax nunha aldea de Ourense, e que anos máis tarde sería reinterpretado por Miles Davis e Gil Evans no mundialmente coñecido traballo “Sketches of Spain” co título “The Pan Piper”.

Este proxecto nace, segundo eles mesmos, “da rebeldía artística fronte ao inmobilismo. É unha aposta polo compromiso coa nosa cultura, un esforzo colectivo que fixo posible unha realidade que levanta unha grande expectación alén das nosas fronteiras”. 

Popular e sofisticada á vez

O director da orquestra, Roberto Somoza, afirma que “conseguimos un son diferenciador con respecto a outras orquestras. Ten un pouco de música clásica, un pouco de jazz, outro pouco de tradicional, e a min persoalmente como director resúltame unha música chea de vida, popular pero á vez sofisticada”. 

Segundo o pianista Abe Rábade, “é un proxecto que tenta aunar dous universos moi diferentes entre si aparentemente pero que creo que na converxencia acaban creando unha cousa ccompletamente explosiva. Quero que un proxecto coma este se acabe consolidando e que acabe absorbendo o mellor da música tradicional e do jazz que hai no país, que é moito e moi variado.” 

Outro dos participantes é Rodrigo Romaní, quen considera que “é unha iniciativa fantástica que reúne en si dous elementos, o jazz e a música de tradición oral, e esa mestura para min fai este produto tremendamente orixinal e tremendamente internacional ao mesmo tempo”.

Comentarios