Conversamos sobre os seus versos de 'Interna' e sobre a poesía actual

Oriana Méndez: "Deixeime levar e entrei no territorio que eu chamaría da sombra"

A filóloga e poeta viguesa Oriana Méndez resultou gañadora da XVIII edición do Premio de poesía Afundación coa súa obra ‘Interna’, cuxos versos cualificou o xurado do galardón como “conmovedores e depurados”. 
orianamendez
photo_camera Oriana Méndez. / Nós Diario

—Que supón para vostede este premio de Afundación?
É unha honra inmensa, un recoñecemento moi importante, non podo estar máis agradecida. Non contaba demasiado, primeiro porque os premios son sempre unha lotaría, nunca esperas pero sempre tes a esperanza, porque por iso mandaches o libro. Especialmente, non contaba porque, como tantas outras cousas, o proceso do fallo retrasouse bastante polo tema da Covid-19. É un recoñecemento que agradezo enormemente, e espero que o libro, cando poida chegar aos lectores e ás lectoras esperte interese e que os e as satisfaga, que lles diga algo e que poida estar á altura. Iso é o único que me preocupa.

—O xurado falou de versos depurados, conmovedores, do íntimo... Como o definiría vostede?
Aínda que sempre lles corresponde máis ás persoas que o len definilo, creo que en salientar que vén desde o íntimo acertan, estou bastante de acordo. Adóitase considerar que a poesía que eu fago é unha poesía política ou, digamos que a política está presente, aínda que non sexa desde os tópicos da poesía social. Creo que efectivamente,este libro pode ser entendido así, como o menos político de todos. Exploro outros territorios un pouco de sombra, que teñen que ver coa conciencia da vida que se perde, por momentos fantasmal... estoume a referir á conciencia de que o mundo tal e como o coñeciamos hai anos, ou na infancia, hai un momento no que xa non existe, no que somos conscientes de que se está a extinguir. É un pouco ese mundo o que intento explorar e para iso guieime por tres poetas. Hai tres citas que abren o libro: Ingeborg Bachman, Pimentel e Carlos Oroza, deixeime arrastrar moito, especialmente por Pimentel e Carlos Oroza, cos seus mundos tan oníricos e poderosos. Deixeime levar e deixeime entrar no territorio que eu chamaría da sombra. Un territorio complexo próximo á morte.

—E que colleu de Ingeborg Bachmann?
“No territorio do amor a pantera está soa” é o verso dela que abre o meu libro, por esa idea de soidade. Os outros libros meus estaban sempre moi imbuídos do nós, dunha certa colectividade, e este libro quizais sexa máis escrito desde o eu, aínda que tamén apareza moito o nós por esa sensación de perda, de caída, por esa sensación grupal da familia, do que se vai extinguindo pero desde unha subxectividade.

—Cal foi o proceso da escrita neste libro de poemas?
Foi tan diferente que creo que tamén ese proceso o determinou un pouco, o contido do libro ou o enfoque. Aínda que xa tiña versos, anotacións... pero non estaba no feito, escribino fundamentalmente nas primeiras semanas do confinamento estrito. Fíxeno con ese tipo de escrita, se cadra un pouco obsesiva, e moi condensada, no que serían poucos días ou poucas semanas. Non sempre escribín así, ás veces un libro tenme levado moito tempo. E iso foi tamén un certo internamento, porque todas estabamos internadas, e tamén porque nunca desconectaba de todo da escrita, pero non tiña que saír facer tal cousa ou ir traballar... As escritoras, normalmente, se non vivimos de escribir, temos que desconectar do proceso, aínda que sexa por horas, porque hai que atender outras cuestións máis importantes para a nosa vida e o noso sustento. Iso non me sucedía, desa maneira, polo menos. Puiden estar moi envolta no proceso da escrita e creo que pode ser que influíse, finalmente, nese enfoque moi desde o interior. Non tentei traervos ás lectoras fotografías ou evocacións dun pasado que foi, senón collervos da man e que nos internemos e camiñemos cara a un interior. Para min foi unha sorte de viaxe un pouco descarnada, un pouco dura.

—Podería facernos unha panorámica da poesía galega do momento?
Hai moitas cousas que se están a facer, sei que é un tópico, pero o certo é que temos un panorama completamente fértil. Parece que neste país escribe todo o mundo e parece que iso lle resta valor e eu penso que non. Neste país escribe bastante xente, si, noutros países teñen outras cousas, pero aquí escribe moita xente con alta calidade, con moito interese en experimentar con cousas novas, en intercambiar con outras disciplinas da arte. Hai un panorama moi fértil ao que, persoalmente, procuro estar moi atenta. Pódoche dicir nomes, Miriam Ferradáns, Arantxa Nogueira, Antón Blanco, Gonzalo Hermo, que é o noso poeta novo máis internacional... Tamara Andrés, que ademais toca unha morea de paus... E isto ten que ser fomentado desde as Administracións públicas ou desde os medios públicos. 

"Estivemos fechadas, e iso, si, influíume"

A poeta conta como o confinamento por mor da Covid-19 marcou a súa obra literaria, até o punto de que “ademais do libro Interna, co galardón Afundación, estou a agardar a publicación doutro libro, con Espiral Maior, que gañou outro premio o ano pasado e que se titula O corazón pronúnciase extenso”, así que, comenta, “sacarei dous libros nos próximos meses”. Así mesmo, recalca ao fío das palabras do xurado sobre os versos que compoñen o libro que estar confinada “probabelmente teña moito que ver co resultado final de Interna, porque estivemos fechadas e non podiamos evadirnos diso”. Oriana Méndez explica que “todas estabamos nun momento de grande incerteza, e de preocupación, sobre todo aquelas que temos persoas maiores” e recalca, “estabamos con certo medo no corpo, non o podemos negar e iso, si, influíu”.

 

Comentarios