venres 30/10/20
Presentou o libro de poemas 'Interna'

Oriana Méndez gaña o premio Afundación

A escritora resultou vencedora entre case unha trintena de obras e o xurado valorou os seus "versos depurados e conmovedores".
orianamendez
Oriana Méndez. / Nós Diario

A escritora Oriana Méndez resultou vencedora da XVIII edición do Premio de Poesía Afundación, co libro de poemas Interna, destacado polo xurado como unha obra caracterizada "por unha voz feminina que mantén un ritmo constante a través de versos depurados e conmovedores cheos de autenticidade e reveladores dos espazos máis privados do eu".

Oriana Méndez, nada en 1984, é licenciada en Filoloxía Galega pola USC (Universidade de Santiago de Compostela) e iniciou o seu labor poético en 2000, na revista cultural A Caramuxa, e continuou noutros colectivos como Burla Negra ou a revista Mealibra.

O galardón, convocado en colaboración co Centro PEN da Galiza e a Xunta, conleva a publicación do libro na colección 'Arte de trobar', ademais dun premio económico de 6.000 euros.

A resolución do xurado desta edición, á que se presentaron un total de 27 obras inéditas, deuse a coñecer nun acto celebrado na Sede Afundación de Compostela.

comentarios