Oriana Méndez gaña con “O que precede a caída é branco” o certame de poesía Concello de Carral

Con O que precede a caída é branco, a escritora Oriana Méndez vén de ser gañadora do XVII Certame de Poesía Concello de Carral. 

Oriana Méndez
photo_camera Oriana Méndez

Por unanimidade, o xurado do certame de Poesía Concello de Carral optou nesta XVII edición polo libro de Oriana Méndez titulado O que precede a caída é branco. O xurado destaca a coidada linguaxe ,a unidade da obra e o singular peche dos poemas. 

“A autora crea un espazo lírico cheo de luz e establece numerosos xogos metaliterarios con diferentes escollas plásticas e artísticas. Así mesmo debemos destacar o traballo de tensión-distensión poética e o ritmo”, recolle a acta do xurado que outorgou por unanimidade a XVII edición do Certame de Poesía Concello de Carral á escritora Oriana Méndez coa súa obra O que precede a caída é branco. 

A unidade do libro, a coidada linguaxe e a construción con peches de especial solidez dos poemas son algúns dos valores que tivo en conta á hora de escoller a obra de Méndez entre as 36 presentadas un xurado composto por Dores Tembrás, Olga Patiño Nogueira e Eli Ríos, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, coa secretaría do técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. 

A autora recibirá o premio -dotado con 2000 euros- no acto que terá lugar o 30 de maio, na Casa da Cultura de Carral, no marco da programación das Letras Galegas, no que tamén se presentará a obra gañadora da pasada edición, Cronoloxía da urxencia de Dores Tembrás, membro nesta ocasión do xurado do certame. 

Oriana Méndez iniciouse na creación literaria no comezo do século, coa participación en publicacións e recitais colectivos, entre eles, o libro Xuro que nunca volverei pasar fame das Redes Escarlata, das que forma parte alén de entrar na antoloxía Novas de poesía. 17 poetas da Fundación Uxío Novoneyra publicado o pasado ano. Como autora individual ten publicado Derradeiras conversas co Capitán Kraft e cero na editorial Galaxia.

Comentarios