A mostra decorre nas próximas fins de semana

A oralidade "Por boca de muller" volve a Valadares

O Centro Veciñal e Cultural de Valadares, en Vigo, organiza para as vindeiras fins de semana deste mes de xaneiro a sétima edición da Mostra da Oralidade "Por boca de muller". 
DeborahVukusic(AAAG)
photo_camera A actriz Déborah Vukusic participa en 'Por boca de muller'. (Foto: AAAG)

O Centro Veciñal e Cultural de Valadares, en Vigo, organiza para as vindeiras fins de semana deste mes de xaneiro a sétima edición da Mostra da Oralidade "Por boca de muller". Un evento que se insire nos actos de conmemoración do 50 aniversario da organización e que conta co apoio económico da Deputación de Pontevedra.

A programación arrinca ás 18 horas do sábado 23, no Centro Cultural da entidade, e faino co colectivo de cómicas radicadas en Compostela, Remolachas Libres, que traen a este “Por boca de muller” o espectáculo 'Imprómicas'. Un show no que, tal e como o propio título indica, se mestura a improvisación co monólogo, o cabaret, a comedia...

Á mesma hora do domingo 24 é a quenda para Malala Ricoy, tamén coñecida como Patty Diphusa, que levará a cabo o monólogo 'Sexo seguro. Seguro? Seguro!'. Na escena, Malala Ricoy saca as súas dotes de cómica, cabareteira, malabarista ou acróbata para realizar unha "aula" de educación afectivo-sexual coa intención de que reflexionemos e afondemos na maneira na que nos relacionamos.

A última fin de semana deste primeiro mes de 2021 retorna a Mostra da Oralidade cun monólogo e unha performance poética ou poesía performativa. 

O sábado 30 achégase ao Centro Cultural de Valadares a actriz Arantxa Treus para interpretar o seu monólogo 'Sexo débil, o carallo!'. Un traballo no que, cargada de vis cómica, debulla tópicos e temas polémicos arredor da sexualidade feminina e mais das relacións de parella.

E o domingo 31 acudirá a intérprete Déborah Vukusic para desenvolver a súa poesía performativa en 'Menú degustación'. A actriz, guionista, poeta e presentadora arriba por primeira vez no "Por boca de muller" e para a ocasión preparou o "menú degustación" que lle dá nome ao espectáculo. Con el achegará o auditorio á súa creación poética a través dunha selecta escolma.

Todos os espectáculos desenvólvense ás 18 horas e son para maiores de 16 anos, agás o que clausura a mostra, Menú degustación, que é para maiores de 12. Ademais, a entrada é de balde pero requírese a reserva de butaca na web do centro veciñal tal e como indican o protocolo sanitario.

Comentarios