O colectivo opositor á reforma da praza da Catedral de Mondoñedo acada máis de 800 apoios

A protesta cívica foi impulsada hai unhas semanas por un grupo de mindonienses próximos ao mundo da cultura e da arte. No escrito que presentaron para amosar a súa negativa á obra queixábanse de que o proxecto non se dera a coñecer e ía alterar a estrutura deste espazo de referencia na vila.

Imaxe do espazo da polémica. (Foto: Catedral de Mondoñedo)
photo_camera Imaxe do espazo da polémica. (Foto: Catedral de Mondoñedo)

O grupo de persoas que impulsou o manifesto 'Así, Non!' para rexeitar publicamente o proxecto previsto para reformar a praza da Catedral de Mondoñedo xa conseguiron 800 sinaturas en apoio a esta causa.

Malia todo o traballo feito e o rexistro dun documento de alegacións no Concello, non obtiveron ningunha resposta polo que solicitan ao Goberno local unha “entrevista urxente” na que permita que esta plataforma cívica poida achegar alegacións.

Nun comunicado difundido hoxe envían unha mensaxe aos responsábeis políticos de Mondoñedo: “No documento se detallan unha serie de motivos polos que veciñas e veciños se opoñen ao proxecto de reforma”.

Xa cando fixeron público o movemento, a finais de decembro, as e os impulsores -un grupo de persoas próximas á arte e á cultura- criticaban que o plan non dera a opción de opinar á cidadanía.

Polo que teñen visto, sosteñen que a obra “alteraría de xeito dificilmente reversible a estrutura, fisionomía e usos actuais deste espazo urbano”.

Esta cuarta feira insistiron en que queren trasladar de forma directa a inquedanza “polo alto risco de deterioro” da praza da localidade.

Aliás, destacan que a intervención é “innecesaria para resolver os problemas que se alegan na memoria do proxecto como accesibilidade, saneamento, repavimentación, mellora de iluminación e paseo, e para a que con toda probabilidade, segundo técnicos consultados, sexa totalmente insuficiente o orzamento previsto, incluída a partida achegada polo Ministerio de Transportes, co consecuente compromiso dos fondos municipais, algo especialmente preocupante en situacións de crise como a actual”.

Comentarios