Os 7.000 volumes da biblioteca persoal de Nemésio Barxa: "Gustaríame que quedaran na terra onde nacín"

O alcalde non atende a cesión de libros do avogado que se realizou en 2017. O BNG presentou unha moción que se tratará no pleno e o PSdeG rexeita a actitude do rexedor do PP.
Nemesio Barxa (Foto: Nós Diario).
photo_camera Nemésio Barxa. (Foto: Nós Diario).

O Goberno local de Viana do Bolo, que preside Andrés Montesinos (PP), non dá sinais de aceptar a doazón do avogado, escritor e intelectual Nemésio Barxa da súa biblioteca particular. Segundo explicou Barxa a Nós Diario, o alcalde da localidade "leva meses sen coller o teléfono" para concretar a cesión dos case 7.000 volumes que pon a disposición da biblioteca municipal. "Teño propostas doutros concellos mais gustaríame que quedaran na terra onde nacín", asegura. 

Ante esta situación o BNG reclamará, a través dunha moción no próximo pleno o 18 de xullo, que se acepte de novo a doazón que realizou e que contou co acordo estabelecido no pleno do 16 de novembro de 2017. Así mesmo, solicitará en dito pleno que a biblioteca de Viana do Bolo leve o nome de Nemésio Barxa "como homenaxe e acto de agradecemento a este insigne vianés, exemplo de amor a súa terra de nacemento".

O portavoz da formación nacionalista, Secundino Fernández, amosa a súa "sorpresa" pola falta de resposta de Montesinos "no referente a ir encargándose dos libros" e demandan unha urxente rectificación.

Queixas do PSdeG

Tamén o PSdeG local "rexeita e lamenta" as últimas novas sobre a posibilidade de que o concello non acepte a doazón. Os socialistas consideran "inadmisíbel a actitude do rexedor e do seu equipo de goberno, que leva días sen contestar as chamadas de Barxa para a entrega de 2.000 volumes dos 7.000 totais que pretende entregar a biblioteca municipal".

Para o voceiro do PSdeG en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, lembra que “non é doado atopar un xesto de maior amor a un pobo que consideralo seu e non hai mellor maneira de amosalo que legar o seu tesouro literario".

Comentarios