Unha ópera infantil en galego para este Nadal

Os Amigos da Ópera de Santiago estrean este sábado en Compostela 'Brundibár', unha ópera infantil ambientada na antiga Checoslovaquia que ten como director de escena a Cándido Pazó. 

candidopazo
photo_camera Cándido Pazó, director de escena [foto: AAAG]

A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, coa colaboración da Asociación de Amigos da Ópera de Vigo, estreará este sábado 17 de decembro 'Brundibár' (O abellón), unha ópera infantil ambientada na antiga Checoslovaquia da Segunda Guerra Mundial. A obra narra a loita de dous irmáns, Aninka (Aniña) e Pepicek (Pepiño), por conseguir diñeiro para mercar leite e coidar da súa nai doente. Brundibár é o antagonista da peza e personifica o egoísmo e o abuso do poder, fronte aos valores de solidariedade, compañeirismo encarnados polos dous irmáns.

Trátase dunha ópera infantil inspirada nun texto de Adolf Hoffmeister e composta por Hans Krása (1899-1944) en 1938, peza que non puido ser representada até 1942, pois a invasión nazi de Polonia impediu a súa estrea. A ópera fíxose coñecida porque entre 1942 e 1944 representouse unhas 55 veces, no campo de concentración de Terezín (Praga), un gueto para os xudeus durante a Segunda Guerra Mundial, coa finalidade de transmitir ás crianzas deportadas un ambiente de normalidade. O 16 de outubro de 1944, o compositor xudeu, Hans Krása, foi trasladado a Auschwitz e foi asasinado na cámara de gas. 

Agora, a ópera Brundibár (O abellón) reunirá no escenario a máis de sesenta músicos, ao contar coa participación da Escolanía da Catedral de Santiago e a Orquestra Praeludim. A Escolanía da Catedral, dirixida por José Luis Vázquez, é un dos coros máis antigos da cidade e está conformada por uns corenta nenos e nenas de idades comprendidas entre os 8 e os 17 anos. Pola súa parte, a Orquestra Praeludium é unha formación fundada en 2014 en Compostela, dirixida por Mateo Iglesias Seoane, e conformada por seccións  de vento, corda e madeira. A dirección da escena corre a cargo de Cándido Pazó e será el quen, ademais, suba ao escenario para integrar un monólogo baseado nesta peza.

Brundibár é unha ópera infantil producida pola Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, en colaboración coa Asociación de Amigos da Ópera de Vigo e  co apoio da Concellería de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela, a Consellería de Cultura e Educación, a Comunidade Xudea de Galicia e o Centro Checo.

A peza poderá verse en Compostela, o sábado 17 de decembro ás 20.00h no Teatro Principal, e en Vigo, o día 18 ás 17.30h no Auditorio Teatro Afundación.