Unha ópera galega que rexorde en Inglaterra

Un Centro de Estudos Galegos John Rutherford e a Xove Ópera Galega únense para montar a ópera 'O arame', de Juan Durán e Manuel Lourenzo. A estrea será o 10 de xuño en Oxford. 

oarame
photo_camera 'O Arame' na súa estrea no Teatro Colón da Coruña en 2008. [Foto: Amigos da Ópera da Coruña]

O Centro de Estudos Galegos John Rutherford da Universidade de Oxford (situado no Queen's College) está a coproducir -no marco das súas actividades culturais anuais- xunto con XOGA (Xove Ópera Galega-Galician Youth Opera), a peza 'O Arame', de Juan Durán  e Manuel Lourenzo, que fora estreada en 2008 na Coruña e producida pola asociación Amigos da Ópera da Coruña.

Esta ópera será representada o 10 de xuño en Oxford en galego, con subtítulos en inglés proxectados sobre a escena. Grazas a esta estrea coñecemos tamén o proxecto XOGA, iniciativa da pianista -e directora musical do espectáculo- Tamara Lorenzo Gabeiras que nace coa intención de "reavivar óperas esquecidas, en concreto óperas en galego".

A obra está protagonizada pola soprano -tamén galega- Lorena Paz e polo barítono irlandés Malachy Frame, ademais dos bailaríns Fran Mangiacasale e Mary Sol Martín del Castillo. A directora é Cecilia Stinton. 

A idea da ópera galega xurdiu do compositor Juan Durán, quen recurriu ao dramaturgo Manuel Lourenzo na procura dun texto. E este propúxolle unha adaptación da obra súa frustrada 'Camiñar polo arame cunha lata de cervexa' (publicada por Laiovento en 2005). Conta a vida de dous artistas ambulantes na fin das súas vidas camiñan cara a unha “Fisterra”. 

Comentarios