'Ons' estréase mañá en 16 salas de cinema

Despois de pasar por festivais como o Festival de Cine Europeo de Sevilla, Cineuropa ou Márgenes o filme estará dispoñíbel en varias salas cidades e vilas como Madrid, Barcelona, A Coruña, Vigo, Ferrol, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra, A Estrada, Caldas de Reis e Marín.
Fotograma de 'Ons', de Alfonso Zarauza.
photo_camera Fotograma de 'Ons', de Alfonso Zarauza.

A longametraxe Ons, dirixida por Alfonso Zarauza e protagonizada polo Antonio Durán 'Morris' e Melania Cruz, chega mañá ás pantallas. O filme estreouse o pasado novembro no Festival de Cinema Europeo de Sevilla.

Estivo tamén o pasado mes por Cineuropa (Compostela), onde o director recibía o premio de honra dun festival co que estivo ligado desde a súa mocidade.

"Viume medrar cinematograficamente", confesaba Zarauza nunha entrevista no semanario Sermos Galiza.

Ons chega finalmente a 16 salas de cinema en 11 localidades. Na Galiza, estará dispoñíbel na Coruña (Marineda, Cantones, Yelmo Rosales); Vigo (Gran Vía, Yelmo Vigo); Lugo (Códex, As Termas); Santiago (Numax, As Cancelas); Ferrol (Dúplex); Pontevedra (Teatro Principal); Caldas de Reis (Avenida); Marín (Cine Seixo); A estrada (Multicines Central). Aliás, o filme estrearase en Madrid (Renoir) e Barcelona (Boliche). Após a primeira semana de pases, a longametraxe galega proxectarase tamén en Palma de Mallorca (Cine Ciutat) e Narón (Odeón Narón).

A illa como protagonista

Ons é un drama intimista con toques de misterio no que un matrimonio en crise, que trata de salvar a súa relación, se traslada unha tempada á illa de Ons.

Esta paisaxe, que tardou en entrar nese guión que asinan o director xunto a Jaione Camborda, vólvese unha protagonista indiscutíbel nun relato de atmosfera absorvente, con dirección de fotografía de Alberte Branco e un tratamento do son moi coidado, en cuxa banda sonora atoparemos temas de Chicharrón ou Leilía.

Trátase da quinta longametraxe de Alfonso Zarauza, tras A noite que deixou de chover (2008), Encallados (2013), Os fenómenos (2014) e A viaxe dos Chévere (2014).

Comentarios