Onde está 'O corredor'? O autor e o Concello de Vigo descoñecen o seu paradoiro

A escultura de Ramón Conde foi estragada en outubro a causa dun accidente de tráfico.
'O Corredor', de Ramón Conde, estaba presente na rotonda da Florida, en Vigo. (Foto: Elisardojm)
photo_camera 'O Corredor', de Ramón Conde, estaba presente na rotonda da Florida, en Vigo. (Foto: Elisardojm)

O artista ourensán Ramón Conde vén de denunciar a desaparición dunha das súas obras. Trátase da escultura chamada 'O Corredor', situada até o 2 de outubro de 2022 nunha rotonda da avenida da Florida da cidade de Vigo.

A obra foi daquela estragada nun accidente viario no que un condutor embriagado atravesou a glorieta a gran velocidade, provocando danos graves na escultura. A peza foi entón retirada por operarios municipais.

Conde comunicouse por escrito co Concello de Vigo en novembro para interesarse pola súa obra. Porén, denuncia que aínda non obtivo resposta, co que descoñece tanto o paradoiro da escultura como o estado en que se atopa.

O escultor, que expresou o seu dereito a dirixir os traballos de restauración do Corredor, sinalou que soubo dos feitos pola prensa, dando a entender que o Concello de Vigo omitiu informalo dos danos que sufriu a súa obra.

Consultados por Nós Diario, os departamentos de Vías e obras e Patrimonio do Concello de Vigo afirman descoñecer aínda o paradoiro da escultura de Conde.

Comentarios