Onde está agora o Torques de Burela?

O BNG pregunta  á Dirección Xeral de Patrimonio se ten localizada a actual ubicación das pezas da colección de Álvaro Gil, que os seus familiares retiraron do Museo de Lugo en outubro, e se está sendo controlado o seu estado de conservación.

Levantamento da colección
photo_camera Levantamento da colección

O BNG presentou unha serie de preguntas dirixidas ao goberno galego coa finalidade de “clarificar cales son as actuacións que se están seguindo despois da incoación do expedente de Ben de Interese Cultural dos depósitos de D. Alvaro Gil Varela levados do Museo Provincial de Lugo”. Estes depósitos foron levantados, tras sentencia xudicial, por herdeiros deste mecenas do museo de Lugo o pasado 24 de outubro. Entre as pezas levantadas inclúense bens mobles de importancia singular para a historia e o patrimonio cultural de Galiza.

Os nacionalistas queren saber onde foi depositada a colección, de grande importancia para o patrimonio e historia de Galiza

Desde a fronte nacionalista queren saber se xa se ten aplicado o réxime de protección previsto na Lei para os bens sometidos a esta protección. O deputado Cosme Pombo informou que esta protección non só debe ser notificada, de xeito oficial, á familia de D. Álvaro Gil Varela se non que tamén afecta ao concello correspondente onde se localizan, na actualidade, estes bens.

Sobre o desenvolvemento do expediente os nacionalistas interesáronse por saber se a Xunta de Galicia ten previsto esgotar o máximo de 20 meses, a partir da incoación do expediente, que establece a lei para a declaración BIC e se a colección de ourivería de Gil Varela xa está inscrita no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

A colección de ourivería permaneceu exposta case corenta anos no Museo Provincial de Lugo converténdose nun referente fundamental para o patrimonio cultural galego e incluso en parte da propia imaxe da institución museística dependente da Deputación de Lugo.

Onde vai?

Cosme Pombo explicou que, unha vez iniciado o expedente de BIC, as pezas que forman parte do mesmo deben de estar sometidas ao control da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza.

Outra das preguntas dos nacionalistas está dirixida a saber onde foi depositada a devandita colección despois do levantamento do Museo Provincial de Lugo e se segue no mesmo sitio neste intre. 

Comentarios