Anaír Rodríguez, autora de "Pioneiras"

"A onda ultraconservadora actual está tentando neutralizar o movemento a prol da igualdade de xéneros"

Anaír Rodríguez (Vigo, 1978) vén de publicar o segundo volume de "Pioneiras" (Xerais), un libro ilustrado no que recolle once biografías de mulleres galegas que abriron camiño nos seus respectivos eidos e que pretende fornecer de ferramentas ás novas xeracións para "reverter a falla de referentes femininos" que existe na sociedade, nomeadamente no ensino. 

2019030218094639402
photo_camera 2019030218094639400

No limiar do primeiro volume de Pioneiras (Xerais), a súa autora, Anaír Rodríguez (Vigo, 1978), alude a un estudo publicado recentemente pola revista “Science” no que se afirma que “as nenas se cren menos brillantes ca os nenos a partir dos seis anos”. A conclusión, dramática e desoladora, pon de manifesto que a desigualdade de xénero é un problema estrutural ao que, dun ou doutro xeito, contribúe a sociedade no seu conxunto. Por iso, esta filóloga decidiu escribir un primeiro libro ilustrado sobre unha ducia de mulleres galegas que foron pioneiras nos seus respectivos ámbitos. Hai apenas unhas semanas saíu do prelo a segunda parte, integrada polas biografías doutras once mulleres pioneiras, descoñecidas para o gran público.

-Como xurdiu a idea de escribir “Pioneiras”?

Desde sempre  tiña curiosidade por coñecer todas estas biografías de mulleres que non chegaran ata nós. Coñecía os traballos de Aurora Marco, por exemplo,  que recuperou moitísimas biografías de mulleres galegas, ou o Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega, e pensei que toda esa información que chegaba a lectores específicos pagaba a pena ser divulgada e, sobre todo, facer que chegase as nenas e os nenos, que son dalgunha maneira os que están no momento de configurar a súa visión do mundo e eu creo que é fundamental que todo o legado das mulleres tamén se transmita á xente nova. Partiu dun interese particular e xurdiu a posibilidade de facer os libros e así foi.

-Fala no limiar do primeiro volumen dun estudo científico que di que as nenas de seis anos xa pensan que son menos brillantes ca os cativos…

Son  numerosos os estudos que están analizando en que medida os estereotipos de xénero condicionan as nenas, sobre todo e fundamentalmente, pero tamén os nenos, á percepción que os homes e os nenos teñen das mulleres. E todos estes estudos sinalan que é desde a primeira infancia onde as nenas empezan a mermar as súas expectativas e a falta de referentes de mulleres diversas e valoradas socialmente é unha das razóns que todos os estudos apuntan para explicar esta falsa percepción delas mesmas. Si que parece importante e fundamental reverter esta situación  e dotar a sociedade en conxunto, tanto as nenas como os nenos futuros adultos, de referentes que si existen, ademais, porque é falso que non existan: referentes femininos que simplemente hai que divulgalos en igualdade de condicións.

-Se tivera que repartir responsabilidades na construción desa realidade autodeformada, a quen lle atribuiría a maior parte?

Sabemos que o machismo e a desigualdade de xénero é un problema estrutural da nosa sociedade que arrastramos históricamente. Sinalar culpábeis é complicado, de todos os xeitos, se hai que incidir nalgún piar, creo que é a educación, poisa o final é a educación a que constrúe os valores dunha sociedade. E na educación é certo que houbo moitos avances neste sentido, pero tamén sabemos que o currículo escolar segue pragado de desigualdades. Non hai máis que ver os libros de texto que presenza teñen as contribucións feitas polas mulleres ou os avances da sociedade, que presenza teñen os homes e o desequilibrio é evidente.

-Foi complicado facer a selección de “Pioneiras”?

Á hora de facer a selección sabía que criterios quería  manexar; por un lado, quería que fosen mulleres de diferentes periodos históricos, precisamente para transmitir esa idea de que ao longo da Historia si que houbo mulleres importantes, simplemente que estiveron invisibilizadas. Quería que fosen mulleres de diferentes ámbitos sociais, que fosen mulleres que representasen o ámbito académico, profesional, pero tamén o social, de conquista de dereitos. E, por outro lado, quería que fosen tamén mulleres de diferente extracción social. Evidentemente moitas delas son de clase social acomodada porque foron as primeiras que puideron acceder á educación e á formación, pero tamén me interesaba moito ter perfís de mulleres de clase social máis humilde e que, porén, foron capaces tamén de derrubar barreiras e de achegarnos conquistas sociais. Manexando estes tes criterios, xunto co elo que une a todas elas, que é que fosen as primeiras en algo, se reduce o abano de posibilidades e, entre elas, si que ao mellor me deixei levar polo meu gusto persoal ou polo que me pareceu máis interesante. Hai moitas máis mulleres galegas que tamén poderían figurar nos libros, pero decanteime por estes criterios.

- Os últimos meses, nomeadamente desde as mobilizacións do pasado 8 de marzo, están a revelar un cambio na percepción da sociedade sobre o problema da desigualdade de xénero. Como valora esta revolución?

O ano pasado produciuse un punto de inflexión no movemento feminista, eclosionou, creo que se conseguiu que o feminismo chegase a todas as capas da sociedade, que se convertese nun discurso hexemónico, que os medios de comunicación se interesasen, que a nivel editorial se fixese tamén oferta de contidos feministas; as mobilizacións vese que hai moitísimas rapazas novas que están pulando pola igualdade. Ao mesmo tempo, e só pasou un ano, estamos vendo como se está tentando neutralizar desde toda esta onda ultraconservadora que se está a producir agora; estamos vendo a reacción a esta acción feminista e, nese sentido, si creo que as mobilizacións de mulleres e a sociedade no seu conxunto non podemos baixar a garda porque sabemos que os dereitos custa moito conseguilos, pero liquidalos é moi doado e, sendo optimista como son, si que creo que se está a producir un cambio social pero, ao mesmo tempo, creo que hai que estar alerta porque parece que se está fraguando unha reacción conservadora que pode ser nefasta.

-Volvendo ao libro, se tivera que elixir unha pioneira, cal elixiría?

Quedaría con Irene González, esa futbolista coruñesa dos anos 20 porque me parece que debeu de ser unha muller tremendamente carismática e forte, empoderada, para poder facer o que fixo: xogar en equipos masculinos, ser respectada polos seus compañeiros e, sobre todo, pensando que a día de hoxe as nenas e as mulleres que queren dedicarse ao fútbol seguen a ter moitísimos atrancos. Coido que esta pioneira, que procedía ademais dunha clase social moi humilde, representa moitísimos valores que eu comparto.

Comentarios