Un 'Ollar' para a fotografía galega contemporánea

Ollar nace como unha plataforma na que coñecer e recoñecer a fotografía contemporánea que se fai na Galiza. O director David Hernández e a montadora e directora de fotografía Álex Penabade asociáronse co fotógrafo e docente Jorge Lens para darlle vida a un proxecto que visa a difundir a obra de diferentes creadores e creadoras deste campo artístico a través de curtametraxes documentais. Una web específica é o vehículo principal para difundir unha disciplina non demasiado comprendida entre o gran público.
Migue
photo_camera O fotógrafo Miguel Vidal nunha secuencia da curta que trata a súa obra. (Foto: Adarme Visual)

"Sempre crin que a fotografía era un xénero moi maltratado en canto á súa difusión”, asegura David Hernández, “ou polo menos iso é o que percibo. Creo que hai unha serie de fotógrafos na Galiza que teñen un público potencial ao que non chegan. Este proxecto tenta achegar ese público potencial á obra de varios artistas a través do cine”. 

O proxecto, que se presentará o vindeiro domingo 26 dentro do Play-Doc de Tui, recibe o nome de Ollar. Escolma de fotografía contemporánea e botou a andar en plena pandemia. Consiste na creación dunha plataforma web que albergará documentais monográficos de quince minutos dedicados a un fotógrafo ou fotógrafa relevantes. Hernández, de quen partiu a idea e que estreou recentemente a súa primeira longametraxe, La felicidad de los perros, encárgase da dirección das curtas, axudado no guión polo fotógrafo e profesor na Universidade de Vigo Jorge Lens, e pola directora de fotografía e montadora Álex Penabade. 

Os primeiros cinco traballos -dedicados a Eva Díez, Miguel Vidal, Raquel Calviño, Javier Teniente e Manuel Sendón- xa se poden visualizar no enderezo web ollar.gal, mais o obxectivo e seguir medrando até completar todo o que sexa posíbel o panorama da fotografía galega contemporánea. 

“A escolla destas cinco primeiras figuras foi un tanto azarosa”, explica Jorge Lens“, e non indica ningunha preferencia pola nosa parte. Ao comezar durante a pandemia, cando aínda estabamos confinados, as nosas posibilidades eran as que eran, de forma que escollemos autores e autoras aos que, por proximidade xeográfica, podiamos acceder máis facilmente. Falar coas artistas sobre o seu traballo, buscar localizacións e gravar non era fácil durante ese período e, daquela, optamos por comezar polas persoas que tiñamos máis cerca para continuar completando con outros artistas”.

As curtas realizadas até o de agora amosan un discurso que non é o máis convencional: non se trata de facer un catálogo, senón de acompañar os protagonistas no seu proceso creativo

David Hernández subliña esa idea: “queremos que se vexa esta primeira entrega como un principio: a idea é facer un catálogo amplo. Non temos un número na cabeza porque isto non ten fin, sempre aparece xente nova á que prestarlle atención, pero aspiramos a ter polo menos vinte ou vinte e cinco figuras representadas en Ollar”. 

As curtas realizadas até o de agora amosan un discurso que non é o máis convencional: non se trata de facer un catálogo, senón de acompañar os protagonistas no seu proceso creativo. “Para nós era moi importante achegarnos á súa forma de traballar”, explica Hernández, “non só mostrar a súa obra. Queriamos indagar un pouco na súa maneira de inspirarse, de achegarse aos seus temas... Ás veces resultou complicado. Para unha produción modesta como a nosa, no caso, por exemplo, de Javier Teniente, que traballa moito como reporteiro noutros países, era case impensábel poder acompañalo, mais logramos dar coa fórmula para, polo menos ilustrar como se enfronta ao feito creativo”.

“Hai xente máis nova a carón de referentes como Manuel Sendón. Gustábanos a idea de buscar o contraste entre xente que se achega a fotografía por distinto camiños", di Hernández

Fotografía sen adxectivos 

Unha das características máis atractivas do proxecto é que os protagonistas de cada unha das curtas trátanse exclusivamente como creadores cuxa ferramenta é a fotografía: non se estabelecen diferenzas entre os que traballan para a prensa, os que están máis próximos ao mundo da arte contemporánea ou os que transitan entre xéneros próximos, o que serve para salientar a autonomía do xénero fotográfico. Hernández explica que buscaban a variedade tanto nos tipos de fotografía como na idade dos artistas. “Hai xente máis nova a carón de referentes como Manuel Sendón. Gustábanos a idea de buscar o contraste entre xente que se achega a fotografía por distinto camiños. Mais o que resulta definitivo na elección é a busca dunha mirada creativa, dunha personalidade que se reflicta na obra. Mesmo entre persoas que traballan como documentalistas ou como reporteiros de prensa podes atopar profesionais que logran construír un estilo, reflectir unha mirada propia no seu traballo”.

Plataforma de difusión 

O proxecto visa a constituírse nunha plataforma na que os artistas mostren o seu traballo, mais tamén existe o proxecto de que cada documental teña un percorrido específico independentemente de que estea recollido na web: festivais, mostras, outras webs ou proxeccións culturais. “A idea é que incluso os propios autores o teñan como un recurso propio, para amosalo pola súa conta. O importante é que as pezas acaden o público máis extenso que se poida e, nese sentido, o uso escolar ou educativo, nun sentido amplo, pode ser moi interesante. A finalidade última é que a fotografía contemporánea galega se coñeza mellor e, desde esa perspectiva, calquera medio de difusión podería ser válido”, recalca Hernández.

O feito de tratar a fotografía desde o audiovisual facilita ese achegamento, pola proximidade das dúas linguaxes

Con seguridade, o feito de tratar a fotografía desde o audiovisual facilita ese achegamento, pola proximidade das dúas linguaxes. “Fotografía e cinema van da man e quizais un filme sexa unha maneira máis cómoda de achegarse á obra fotográfica. Non é exactamente unha novidade, mais si unha forma diferente de aproximarse a unha autora ou autor. E talvez, para a xente máis nova sexa máis fácil achegarse por ese camiño. Polo menos é un vieiro diferente ao máis ortodoxo do volume de fotos”.

O futuro 

Os primeiros cinco episodios foron posíbeis grazas ás axudas do Xacobeo 21, mais agora a produtora de Hernández e Álex Penabade, Adarme Visual, está buscando a fórmula para financiar o resto dos episodios. "Tratamos de buscar outros patrocinadores, institucionais ou privados, para poder seguir. O proceso foi algo tumultuoso polas circunstancias nas que se desenvolveu, no medio da pandemia. Mais agora estamos tratando de ver cales son as entidades que poderían estar interesadas. É un proxecto cuxa finalidade fundamental e de difusión, sen maior ánimo de lucro, e esperamos que teña repercusión no mundo da cultura", conclúe.

Comentarios