Tres olladas á vida de Antonio Fraguas

A Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego e a Fundación Antonio Fraguas colaboran na organización dun simposio arredor de Antonio Fraguas, os días 26, 27 e 28 de novembro, que lle porá o peche á celebración do Día das Letras Galegas 2019.
antonfraguas
photo_camera antonfraguas

Máis de vinte especialistas profundarán na pegada da figura do investigador na cultura galega, atendendo á súa tripla dimensión: como etnógrafo, xeógrafo e arqueólogo. O encontro servirá para abordar a situación actual e os retos de futuro das disciplinas nas que o de Cotobade fixo as súas principais achegas.

A Real Academia Galega acollerá na súa sede a xornada inaugural, a terza feira 26 de novembro, a partir das 19 horas. O presidente Víctor F. Freixanes, coordinará unha mesa na que María Xosé Fernández Cerviño ofrecerá un perfil biográfico de Fraguas, mentres Antonio Reigosa falará dalgúns seres fantásticos da Galiza sobre os que escribiu. O académico Francisco Díaz-Fierros analizará as súas aproximacións ao territorio e á paisaxe. A apertura do simposio concluirá cun concerto de Óscar Ibáñez inspirado no Cancioneiro de Cotobade, recollido polo propio Fraguas na súa terra natal.

O programa continuará na cuarta e na quinta feira no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela), institución da que o propio Fraguas foi director entre 1977 e 1989, ano no que cando pasou a presidir o padroado tras o pasamento de Xaquín Lorenzo. As sesións estarán centradas nas achegas do investigador á arqueoloxía, á xeografía e á etnografía e ao folclore. A entrada de todas as sesións é libre ata completar aforo.

Comentarios