'Olladas de muller 2021' volve ao CGAI

O Centro Galego das Artes da Imaxes (CGAI) e o Consello da Cultura (CCG) botan a andar unha nova edición de Olladas de muller, con achegas do último cinema galego feito por mulleres e propostas femininas e actuais de Portugal, Xeorxia e Francia.
nacion
photo_camera Fotograma do filme de Margarita Ledo, 'Nación'. (Foto: CGAI)

O Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) e o Consello da Cultura Galega (CCG) poñen en marcha o ciclo “Olladas de muller 2021”. Un modo de conmemorar o Día Internacional das Mulleres, 8-M, a través da presentación dunha serie de películas asinadas por directoras galegas e tres títulos procedentes de Xeorxia, Portugal e Francia. Obras "que se debruzan sobre a situación da muller en diferentes partes do mundo".

"Olladas de muller 2021" abre esta sexta feira, 5 de marzo ás 19 horas, coa longametraxe Nación, de Margarita Ledo, quen asistirá á proxección, á presentación do filme e ao coloquio posterior. Nación é “un relato feminino coral e laboral cunha suxestiva adición de compromiso e lirismo”.

O ciclo complétase con Cen anos entre tres reinos, de Alicia López Méndez e Xavier López Rodríguez, que amosa a vida en San Ciprián de Hermisende, entre Galiza, Portugal e Castela e León. A proxección será o sábado 6 ás 18 horas. 

A media voz, de Patricia Pérez e Heidi Hassan e participada por Matriuska, estabelece unha correspondencia filmada entre dúas directoras de orixe cubana migradas a Suíza e á Galiza.

O filme proxectarase o 9 de marzo ás 19 horas e tamén decorrerá unha presentación e un coloquio no que se contará coa presenza das directoras, desta volta en modo virtual.

O día 10 ás 19 horas será a quenda para A metamorfose dos pássaros, de Catarina Vasconcelos. Beginning de Dea Kulumbegashvili, proxectarase o 11 de marzo ás 19 horas. E fechará o ciclo, o 12 de marzo ás 19, a estrea de Petite fille, de Sébastien Lifshitz, un documental que narra a historia de Sasha, que cuestiona desde cativiña o seu xénero.

As exhibicións terán lugar na sede do CGAI na Coruña e o número de prazas estará limitado a 25 persoas.

Comentarios