Cinema Periférico

A ollada crítica de Alberte Pagán centra a segunda xornada do (S8)

"Pagán é unha das figuras máis destacadas do cinema experimental na Galiza: desde o seu labor como cineasta, e tamén como teórico e investigador", lembran desde a organización.
Alberte Pagán [María Meseguer].
photo_camera Alberte Pagán [María Meseguer].

A segunda xornada do festival (S8) tivo como un dos seus principais protagonistas o cineasta Alberte Pagán, na sección Sinais en curto. Emitiuse un programa especial centrado na súa obra, no que o público tivo a oportunidade de se achegar máis a fondo ao seu traballo e inquietudes.

"Pagán é unha das figuras máis destacadas do cinema experimental na Galiza: desde o seu labor como cineasta, e tamén como teórico e investigador", lembran desde a organización. O cemento que aglutina a súa obra é unha mirada crítica e política que se mostrou onte a través das súas pezas máis recentes, como Uluru (2018) e 6 X 9 (2020).

A primavera confinada

Tamén se emitiu a primeira entrega d'A flor do día, nome co que (S8) bautizou unha serie de programas en streaming que virarán sobre o tema desta edición: o xardín secreto e a primavera que non puidemos vivir, pero que recuperaremos neste outono.

Este primeiro episodio está dedicado aos xardíns interiores a través da viaxe cara á psique dunha muller (e á súa sexualidade) na xoia animada de Suzan Pitt: Asparagus.

Comentarios