Oliver Laxe prepara un novo filme sobre un pirómano e busca actores non profesionais

Cando aínda está nas salas o seu último filme, 'Mimosas', o director galego-francés xa está a traballar no seu próximo proxecto, 'Aquilo que arde'.

Oliver Laxe na rodaxe de Mimosas
photo_camera Oliver Laxe na rodaxe de Mimosas

O vindeiro filme de Laxe, 'Aquilo que arde', será un retrato dun pirómano e, para levalo adiante, o director busca actores e actrices non profesionais de entre os veciños da zona, mesmo para os papeis protagonistas. O vindeiro sábado 21 de xaneiro o seu equipo realizará un cásting en Navia de Suarna. Nos seus filmes Laxe adoita traballar con xente sen bagaxe no cinema, polo que todas aquelas persoas interesados en participar na película, sen importar idade ou experiencia, poden presentarse o vindeiro sábado 21 de xaneiro en horario de 10:00 a 14:00 e 16:00 a 21:00 na sala de plenos do Concello de Navia de Suarna e realizar as probas. Aínda que os perfís principais que se buscan son mulleres de máis de 60 anos e homes de máis de 40, o casting está tamén aberto a nenos e nenas, adolescentes e persoas de calquera idade que poidan encaixar nalgún papel da película. 

Neste novo proxecto o  cineasta pon o seu foco nos Ancares lugueses, de onde procede parte da súa familia, pero tamén en zonas como Navia de Suarna, Becerreá, Cervantes e Viveiro. Aínda que non remataron os traballos de localización e é posible que se sumen outras comarcas, a rodaxe terá lugar practicamente na súa totalidade na provincia de Lugo. 

O vindeiro día 21 de xaneiro haberá un cásting en Navia de Suarna

'Aquilo que arde' filmarase no verán de 2017, entre agosto e setembro, e a estrea está prevista para marzo de 2018. Quen si está confirmado para a participación na fita é o actor fetiche de Laxe, Shakib Ben Omar, que xa protagonizou os seus dous anteriores proxectos. 

Segundo a produtora, Miramemira, o filme é un retrato extremo da Galiza, da súa personalidade ruda e tenra a un tempo, excesiva e calma por igual; un retrato da súa desmesurada e paradoxal beleza, fermosura que non sabe de equilibrios. Está protagonizado por un pirómano e a súa nai, e por un mozo dunha brigada anti-incendios.

O filme é un retrato extremo da Galiza, da súa personalidade ruda e tenra a un tempo, excesiva e calma por igual; un retrato da súa desmesurada e paradoxal beleza

'Aquilo que arde', que conta co apoio económico de TVG e AGADIC, é unha fita iniciativa do Máster en Documental de Creación (Idec-Universidad Pompeu Fabra), un referente a nivel internacional na produción de filmes como 'En Construcción' de José Luis Guerin, gañadora dun premio Goya ao mellor filme documental. 

No caso deste novo proxecto, nove alumnos do máster acompañarán a Oliver Laxe durante a estancia nos Ancares, que será a base de operacións desde a que este grupo de cinema, xunto ao equipo de produción, desenvolverán o filme. 

Este proxecto de pedagoxía cinematográfica é o primeiro paso do cineasta para revivificar a aldea de onde é orixinaria a súa familia. A creación dunha cooperativa de agricultura ecolóxica e dun centro de formación cinematográfica alternativo serán as seguintes etapas. 

Este proxecto de pedagoxía cinematográfica é o primeiro paso do cineasta para revivificar a aldea de onde é orixinaria a súa familia.

'Aquilo que arde' será a terceira longametraxe do cineasta galego, logo de 'Todos vós sodes capitáns', gañadora do premio Internacional da crítica do Festival de Cannes de 2010, e 'Mimosas', gañadora do Grande Premio da Semana da Crítica do Festival de Cannes 2016 e actualmente na carteleira dos cines de todo o Estado. 

Estreita relación cos Ancares

Nunha entrevista con Sermos hai uns meses xa nos avanzaba que o seu próximo proxecto sería máis sinxelo a nivel de produción. "É un proxecto que vou facer en Galiza, a metade de orzamento, tres veces menos xente, vou facelo cos meus alumnos da Universidade Pompeu Fabra, imos vivir nunha casa dunha aldea abandonada dos Ancares durante unha serie de meses nos que queremos face un filme sobre a identidade. Teño alumnos de Perú, Brasil, Cataluña, Valencia, Canarias, algúns galegos tamén, Bélxica. Paréceme un cóctel ideal para pensar a identidade". 

O cineasta mantén unha estreita relación cos Ancares, de onde procede a súa familia, e onde está a arranxar a casa dos seus avós.

O cineasta mantén unha estreita relación cos Ancares, de onde procede a súa familia, e onde está a arranxar a casa dos seus avós. "Cos meus amigos restauramos a casa desde hai algúns veráns e si tiña intención de rehabilitar a aldea. Quero revivificala e para facelo preciso crear certas enerxías económicas e o tema da castaña nos Ancares é interesante, e dalgunha maneira quero facer isto cando teña tempo, porque sinto a responsabilidade de coidar deste val, onde tantas e tantas xeracións de labregos viviron. Todos os meus ancestros viviron alí e síntome na obriga de honrar esta liñaxe".

Outro dos proxectos que ten bosquexados é unha escola alternativa de cinema, transversal, creada con outros amigos cienastas e profesores, onde van impartir moitos obradoiros de cinema. "Este proxecto de filme digamos que é a primeira experiencia que imos levar a cabo. É o punto de partida. En canto á escola, non será unha escola regrada, van ser encontros semanais, compartir paseos, visionados... como unha ferramenta de descuberta, de desenvolvemento persoal, que nos pode converter en persoas máis sensibles e máis libres diante do que nos rodea. Polo momento todo isto son desexos".