Unha escolma do papel: Lugo é letras

Olga Novo, a guímara do Amor

Trataremos de non estorbar as palabras da poeta. Deixaremos que o discurso vital de Olga Novo (Vilarmao, A Pobra do Brollón, 1975) flúa como un regato de aldea, nítido e cantareiro. Non diremos, pois, todo o que a poeta lucense leva escrito, traducido ou pensado. Non diremos que obras súas merecen ser máis ou menos lidas, cando todas elas constitúen retallos incandescentes, impactos que apelan á reivindicación dunha beleza radical, ceiba de restroballo retórico e peaxes académicas. Erótica e oracular, labrega e surrealista, libertaria a través do Amor. Guímara desde o xenoma da infancia.

olganovo

Ler a Olga Novo non permite a indiferenza. Os seus poemas abrasan, apelan á memoria colectiva, á linguaxe orixinaria do paraíso, reclaman a intensidade dos afectos como unha revolución política; e cada verso que emite resoa no noso interior como o eco dun tambor de madeira delicada, como o ruído cóncavo que fan as vogais cando entran en contacto co sangue. E a verdade dos seus versos crávase nas entrañas como unha agulla, doendo para que sintamos.

Olga Novo: a deusa campesiña que hoxe comparte con nós retallos dun diario de lava. Ese que nos vai levando desde A teta sobre o sol (Edicións do Dragón, 1996) ata Cráter (Toxosoutos, 2011), con Nós nús (Xerais, 1997) e A cousa vermella (Espiral Maior, 2004) como chanzos esenciais no camiño. E sen renunciar nunca á unión libre con outras artes e pescudas filolóxicas.

Lembro escoitar enfeitizada, con tres anos, a musicalidade modernista na voz materna, mentres fervían as verzas do caldo

DIARIO VOLCÁNICO (RETALLOS)

A GUÍMARA

Cando era nena, a miña mai aplicábame o adxectivo “guímara”, de maneira agarimosa, como sinónimo de “rebelde”, un uso que retrotrae á historia medieval do concello da Pobra do Brollón, cando as xentes do pobo se negaron a pagar os tributos abusivos ao conde de Lemos. Este episodio de resistencia, tan fermoso por outra banda, deu lugar ao apelativo despectivo de guímaros -”túzaros”, “testáns”-, aplicado aos habitantes da Pobra. A min gústame sentirme da estirpe daquelas ancestras resistentes guímaras, veciñas de María Castaña.

A CASA

Nunha casa labrega, humilde, sen libros, o primeiro contacto coa cultura foi, evidentemente, coa cultura oral. O meu pai foi un gran contador, dunha portentosa imaxinación hiperbólica e grandes dotes oratorias; a miña mai é unha muller hipersensible, que me recitaba de memoria algúns romances tradicionais e tamén algúns versos de Rubén Darío e de Pemán, que ela aprendera na humilde escola da aldea de Saá. Lembro escoitar enfeitizada, con tres anos, a musicalidade modernista na voz materna, mentres fervían as verzas do caldo. Estes dous feitos acompañaron probablemente a miña natural disposición cara á música, da que a poesía non deixa de ser unha emanación, e quizais me predispuxeron cara ao exercicio poético.

A INFANCIA

A miña memoria é ante todo unha memoria sensitiva. Lembro por exemplo, de moi nena, erguerme con noite no verán, para ver amencer; lembro o olor da terra húmida; acariñar as pedras das paredes dos carreiros pensando en todas as persoas que me antecederan e puxeran talvez as súas mans naquel mesmo anaco de granito; o bufar das vacas na corte xusto embaixo do meu cuarto; meter as mans na masa do pan levedado; velar unha margarida por ver se pechaba os pétalos á noitiña; o sabor do leite mazado; o ritmo do fouciño cortando a ferroia; volver dos nabos sentada no remolque do tractor; estudar cos pés metidos no forno da cociña de leña; chorar da emoción ao ver saír as patas do becerro cando nace; ver o meu avó arranxando reloxos con anaquiños de toxo e emocionarse ao falar da guerra; ler a Kafka nun lameiro mentres pacían as vacas…

A ALDEA

O meu canto a Vilarmao é un canto de amor, non un canto saudoso e ruralista por un pasado perdido, senón o cl(amor) por unha cultura aniquilada, que eu vin e vivín en pleno proceso de descomposición. Aquela poética inicial non me abandonou nunca, co fondo eco de Novoneyra: “pobos pobres que se foron quedando nos ósos”. Así lle aconteceu a Vilarmao, epítome simbólico da Galicia rural.

O ORÁCULO

Eu non escribo nunca nada con vontade deliberada, e nin sequera corrixo os textos, que se me aparecen. Neste aspecto teño unha concepción moi romántica da poesía, emparentada coas poéticas da escoita e da creación como acto visionario. Escribo por pracer e necesidade expresiva, e polo tanto desde un posicionamento de liberdade absoluta e en conexión profunda coa miña propia experiencia vital -e nisto hai que integrar a artística, por suposto-. Escribo desde dentro.

A POÉTICA

Eu concibo a poesía como un acto integral no que interveñen necesariamente os sentires e saberes. Dicía Otero Pedrayo que aínda non aprendemos a ser metafísicos na física, isto é, a atopar a “razón espiritual” na materia. Eu creo na intelixencia da materia e na lucidez do amor. E a poesía para min é ante todo un acto de amor, unha percepción amorosa da vida, mesmo se non se escribe un só verso, e é creación, isto é, liberdade radical. Desde este punto de vista, a poesía non encaixa no noso mundo, mais precisamente por iso é tan necesaria.

A POLÍTICA

Así como o feminismo defende que o privado é público, tamén eu creo que toda poesía, polo feito de ser un acto individual de creación libre, representa xa un acto político: é unha verdadeira declaración de independencia, unha afirmación do individuo fronte á lei do número das supostas democracias nas que vivimos, como dicía o anarquista vigués Ricardo Mella. Non sucumbir a modas nin a mercados é para min unha intervención política. A conmoción emocional que produce a poesía profunda é política porque é liberadora, coma o amor.

AS AFINIDADES ELECTIVAS (LUCENSES)

A afinidade cultural con Novoneyra, a quen admirei, pero non cheguei a tratar, eu diría que é antropolóxico-poética. A primeira vez que lin os seus textos tería uns dez ou once anos, na escola. Gozaba lendo aqueles poemas desde a fiestra do meu cuarto en Vilarmao ollando cara ao Courel, onde habitaba poeticamente aquela voz que me fascinou, antes que nada, pola súa emoción telúrica. Para min, Novoneyra foi o descubrimento dunha voz oracular.

En canto a Luz Pozo Garza e Luís Pimentel, atraéronme pola elegancia musical e pola verdade das súas respectivas obras, nas cales non hai endexamais impostura literaria, senón unha beleza feita de verdadeira intensidade e esgazadura vital. Tamén ambos escriben desde dentro.

O meu canto a Vilarmao é un canto de amor, non un canto saudoso e ruralista por un pasado perdido

A Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer úneme unha longa amizade que vén do inicio dos meus estudos universitarios no campus de Lugo. Considérome discípula tanto do feminismo libertario de Carmen Blanco como filla poética da radical erótica de Claudio Rodríguez Fer. Ademais, o compromiso de ambos coa memoria das vítimas do fascismo, fan deles dúas voces imprescindibles na ética e na estética, na miña maneira de ver e estar no mundo e de habitar a vida con poesía.

O PARAÍSO

Hai un poema en Cráter que, en dous versos, di así: To Ei ei ei Ou ou ía Ixca / La-gúi La-gúi Xo!; en realidade, é unha especie de canto que recolle expresións galegas coas que lles falamos a determinados animais para que se deteñan (“to” para as vacas, “xo” para as cabalarías), para que camiñen ou modifiquen o seu paso (“ei”, “ou”), para que se afasten (“ixca”, díselle ás galiñas), ou para que beban (“lagúi”, dicímoslle ao gando para que beba nos barcais das fontes). É para min unha linguaxe do paraíso, pois en certo xeito conecta co mito dun universo integrado no que a linguaxe abranguía a comunicación total entre os seres todos da terra, unha especie de Esperanto amoroso. Porque para min, en definitiva, a Poesía é (só) Amor.

Este texto viu a luz no Sermos Galiza número 174, publicado a 3 de decembro de 2015.

Comentarios