sábado 25.01.2020
Entrevistamos Olalla Liñares (Oîma)

“Aínda que sexamos do oeste, temos moito máis do leste do que pensamos”

Os ritmos do leste entran na nosa música de raíz da man de Oîma, que apresenta con Ala! o seu primeiro traballo de estudo, após catro anos inundando de mestizaxes musicais os torreiros do país. Falamos con Olalla Liñares (clarinete), que forma o trío xunto a Antía Ameixeiras (violín) e Martiño Senande (acordeón diatónico). Neste tempo, gañaron a primeira edición do Festival Folk de Artistas Emerxentes Val da Maía (Bertamiráns) en 2016, anunciando unha carreira que, sen dúbida, ía dar que falar.

Oîma
Oîma

Oîma soa moi ben, pero... de onde vén o nome?

O dos nomes sempre é complicado, porque ás veces tes o nome e non o grupo, e outras acontece ao revés. Neste caso, Oîma realmente é un nome do que gostabamos por pura estética, pola combinación de fonemas. Puxémolo como provisional, mais comezamos a dicilo todos os días e cando nos decatamos xa non podía ser outro. Despois soubemos que ten un significado en guaraní: “xa está”. Iso está moi relacionado co título do disco, Ala!, xa está. Ademais, o guaraní é unha lingua que tamén garda relación coa nosa, minorizada en perigo de extinción.

Como xurdiu o grupo?

Pois como aparecen a meirande parte dos proxectos musicais, xuntándose tres persoas amigas. Martín, Antía e mais eu tocabamos xuntas noutros contextos, con outros grupos de xente máis diversa, pero parecíanos que os nosos tres instrumentos casaban moi ben e comezamos a facer cousas. Cando nos decatamos, tiñamos un grupo montado.

As sonoridades do leste chámannos especialmente a atención, supoño que polo feito de sermos do oeste

Tiñan claro cara a onde tirar cando comezaron a xuntarse, ou atoparon a dirección polo camiño?

Nós coñeciámonos do mundo da música tradicional, pero si que tiñamos clara a idea de montarmos un grupo de música instrumental que xogase un pouco coa música galega en relación coa música tradicional doutros lugares. Sobre todo Antía e Martín, que estiveron máis fóra e gardaban máis relación co mundo dos balkfolk europeos. Buscabamos ese concepto de tocar para que a xente baile diferentes tipos de danzas, non só galegas –que tamén. Ese era o punto de partida, mais procuramos chegar máis lonxe.

Hai un diálogo claro en Ala!, o disco que acaban de apresentar, coas músicas doutros países, sobre todo balcánicos. Que lles atrae tanto do leste?

OimaAs sonoridades do leste chámannos especialmente a atención, supoño que polo feito de sermos do oeste. Antía, a violinista, viviu un ano en Praga e entrou en contacto coa súa música. Eu véxoa como unha música moi libre, aínda que todas o son. E sobre todo, no fondo, aínda que nós sexamos do oeste, temos moito máis de leste do que pensamos porque as sonoridades vanse mesturando. Tocamos pezas galegas que case te preguntas: “Pero isto é árabe?”. Porén, non hai máis que ver a tradición de música oral que cantaron aquí tantas mulleres. Cando te paras a pensar nas escalas que utiliza e na sonoridade, eu síntome moito máis próxima ao mundo árabe que ao da conexión celta con Irlanda. Tamén gostariamos de sacar un pouco a música galega exclusivamente da celta. Estamos no mundo e temos relación con moitos lugares. Por exemplo, no disco hai unha peza de Afganistán, que tocamos xunto cunha da Coruña, e non se sabe dicir cal é cal, porque ao final son moi semellantes. Iso tamén nos parece bonito.

Dicía a compiladora do Cancioneiro Popular Galego, Dorothé Schubarth, que atopaba semellanzas entre a música galega e a do leste, que tamén estudara.

Eu penso que están moi conectadas, o que pasa é que sempre nos meteron polos ollos o discurso da música celta e da gaita. Non son musicóloga, mais acho que temos moita máis relación da que pensamos coa música do leste. Tamén no xeito de vivila. A música de raíz é de raíz en todas partes, pero ao mellor se un día imos a Romanía, descubrimos que estamos no medio dunha foliada, que alí tamén as hai e o viven dun xeito parecido a nós. Non o sei porque nunca estiven, pero podo imaxinalo.

Ala! xorde após catro anos de traxectoria. Son temas que veñen do directo?

A música de raíz é de raíz en todas partes

O proceso foi longo, porque facemos música por afección. Aínda que Antía é máis profesional, este proxecto asumímolo como algo que facemos porque nos presta. Entón, como estamos adaptando pezas ou facéndoas novas, si que queriamos que quedasen dalgunha maneira rexistradas e plasmadas nalgún sitio. O que facemos é recoller o repertorio que levamos tocando estes catro anos. Non seguimos a lóxica de sacar un disco con temas novos e ilo presentando por aí adiante, senón máis ben ao revés. Fixemos isto e ímolo deixar gardado para que quede para sempre. Aínda que están moi probadas no directo, no disco aparecen de xeito diferente porque están arranxadas e contamos con varias colaboracións.

E os temas son maioritariamente propios?

Si, nós nun principio faciamos máis ben arranxos de pezas tradicionais, pero despois puxémonos a compoñer. A maioría dos temas do disco son propios, aínda que hai algúns que son arranxos de pezas tradicionais, tanto de Bulgaria, Afganistán, Galiza... Pero neste senso tamén son bastante nosos. Poñémoslle moito esmero á parte musical, porque ao sermos un grupo instrumental non temos que romper a cabeza coa letra, así que, que menos que nos esforzar cos arranxos.

Como entenden a música tradicional?

A tradición non é inalterábel, nunca o foi

Principalmente como un xeito de gozar. Moitas veces pensamos nela como algo case museístico e romántico, pero forma parte do noso día a día porque está viva. A tradición para que sexa tradición ten que estalo. Nós bailamos decote, cantamos decote, e dentro dese contexto no que a música tradicional está presente tamén decidimos interpretala e reinterpretala. Pero sobre todo entendémola como algo que hai que manexar, non observar e gardar. Temos que meter as mans polo medio e facer cousas con ela. A tradición non é inalterábel, nunca o foi.

De aí a idea de levala a novos terreos?

Efectivamente. Sempre desde o máximo respecto, por suposto, sabendo desde onde partimos, mais tamén cómpre xogar con ela, porque a xente fíxoo así historicamente. A oralidade fixo que a tradición se fose alterando, para ben ou para mal, pero foi así.

Sen a maxia do directo nada tería senso

Nesta lóxica, o directo debe xogar un rol fundamental, non?

Hai directos e directos. O outro día, a presentación do disco na Unitaria foi un contexto moi bonito, mais tamén porque sabiamos onde estabamos. Escollemos o espazo e como quen di escollemos o público. Non directamente, pero sabiamos quen ía estar alí despois de catro anos tocando. Xente que xa nos viu moitas veces, que sabe ao que vén e que nos fai sentir moi cómodas. Os directos son moi importantes porque é onde sentes a enerxía que pos e che ven de volta. Para min é a parte máis gratificante. Gravar un disco está moi ben, queda aí o que fixeches para que os demais poidan escoitalo, pero sen a maxia do directo nada tería senso.  

comentarios