CRíTICA DE CINEMA

Os odiosos oito, de Quentin Tarantino

De seguido, reproducimos a crítica semanal de cinema a cargo de Andrés Castro, que debulla o filme Os odiosos oito, o novo de Quentin Tarantino.

Sin título

OS ODIOSOS OITO

The Hateful Eight

(Estados Unidos 2015, 167 min.)

Dirección e guión: Quentin Tarantino

Fotografía: Robert Richardson                                                      

Música: Ennio Morricone

Elenco: Samuel L. Jackson, Kurt Russell, Jennifer Jason Leigh, Walton Goggins, Demian Bichir, Tim Roth, Michael Madsen, Bruce Dern, James Sparks, Dana Gourrier, Zoë Bell, Gene Jones, Belinda Owino, Channing Tatum

SINOPSE

Despois da Guerra de Secesión, o cazarrecompensas John Ruth diríxese en dilixencia cara a Red Rock para entregar á perigosa fuxitiva Daisy Domerque sobre a que pesa un lucrativo botín viva ou morta. Polo camiño recolle a Marquis Warren, outro cazarrecompensas, e Chris Mannix, o futuro sheriff de Red Rock. Tras unha forte xistra teñen que facer un alto nunha cabana de montaña onde moran uns individuos con intencións non demasiado amigables.

CRÍTICA

Título-homenaxe a Fellini con estes “oito odiosos” de Tarantino onde por fin pode deixar ben patente neste, tamén octavo filme, a súa predilección/obsesión polo número oito. En Malditos bastardos eran oito soldados xudeus, en Reservoir Dogs unha banda de oito, en Kill Bill por aí andaba a cousa... e atreveríame a afirmar que na maioría dos seus filmes a trama anda roldando ese número de personaxes. Pero claro, alguén dirá que non é exacto, mais tamén todo depende de como contemos... En fin, deixando de lado esta curiosidade cabalística hai que dicir que Tarantino acadouno outra vez. Fai un filme como lle deu a real gana e hai que dicir que é algo que lle sae extremadamente ben. Por suposto está cheo desa recua de homenaxes e referencias cinéfilas de que tanto gusta (lembremos que aprendeu o que sabe de cine mentres traballaba nun videoclube) pero tamén hai referencias propias.

Os odiosos oito defínese mellor coma unha mestura entre Reservoir Dogs e A cousa de John Carpenter

Curiosa a conexión directa con Malditos bastardos e Django desencadeado coas que comparte liña temporal autoreferenciada que crea de súpeto un Universo Tarantiniano que ben podería ter continuidade en futuras películas. Oxalá. En canto as súas referencias cinéfilas máis claras a cousa vai desde A dilixencia, O tren das 3:10, Valor de lei, Centauros do deserto, O correo do inferno ou incluso á serie Bonanza. Con todo, Os odiosos oito defínese mellor coma unha mestura entre Reservoir Dogs e A cousa de John Carpenter. É toda unha declaración de intencións que Ennio Morricone (xenio e figura) firme a primeira partitura de western tras case corenta anos, pero unha parte sexan precisamente descartes non utilizados de A cousa, que tamén firmaba. Tamén, como naquela, atopamos encabezando o reparto a un Kurt Russell ben abrigadiño e barburdo.

Russell encarna un cazarrecompensas encadeado ao seu botín, que non é outra que a desatada e malencarada Jennifer Jason Leigh (nomeada a Mellor Actriz Secundaria nos Óscar e nos BAFTA). Camiño de Red Rock topan con outro cazarrecompensas interpretado por Samuel L. Jackson e co sheriff do lugar (Walton Goggins). Fan un alto nunha cabana de alta montaña para abastecerse pero quedan atrapados por unha forte xistra. Alí coñecen o resto de “odiosos”: o mexicano Bob (Demian Bichir), o verdugo Oswaldo Mobray (Tim Roth), un misterioso pistoleiro (Michael Madsen) e un vello xeneral confederado (Bruce Dern). Oito personaxes que poderían ser nove se incluímos ao condutor da caravana, un tal O.B. (James Sparks), que non ten un papel pequeno precisamente; por iso comentaba ao principio que en canto a números a cousa é discutíbel.

Aparte da nomeación de Jennifer Jason Leigh, caeulle tamén unha para para a impagábel banda sonora de Ennio Morricone e outra para a fotografía

Tarantino, que tamén fai de narrador en off, conta esta divertida e violenta historia en seis capítulos. Tras unha introdución brutal con títulos de crédito que anuncian un luxoso formato Ulta Panavision 70 (formato non usado desde hai xa 50 anos) con cheiro a western clásico, abre o conto unha escena evocadora da mesmísima Lawrence de Arabia (pero na neve en troques de no deserto). Posteriormente as personaxes van entrando en acción, sen présa, até que temos todos os compoñentes sobre o tapete: unha cabana, oito personaxes que se aborrecen entre si e unha chea de armas. Se esta premisa non fora suficiente para atraer o interese, despois dun demencial capítulo 3 onde Samuel L. Jackson ten unha (máis) desas escenas que quedarán na memoria colectiva, a trama transfórmase nun xogo mestura de A cousa/Cluedo/Agatha Christie onde o espectador entra en xogo para tratar de descubrir quen é/son o/a/os/as asasino/a/os/as... Puro goce para os sentidos. Aparte da nomeación de Jennifer Jason Leigh, caeulle tamén unha para para a impagábel banda sonora de Ennio Morricone e outra para a fotografía, do habitual de Tarantino desde Kill Bill, Robert Richardson que conta xa con nada menos que 3 no seu historial: J.F.K, O aviador e A invención de Hugo.

Os odiosos oito non está carente de mensaxe: “os homes brancos están seguros cando os negros teñen medo”, en clara alusión ao racismo policial que vive Estados Unidos e polo que tanto foi criticado Tarantino por manifestarse, pero sobre todo é western, comedia, diálogos hilarantes, brutalidade e violencia que linda co gore... Un verdadeiro festín para tarantinianos de pro. E para quen se anda a queixar polas esquinas de que lle sobra máis de media hora, informarlles que hai unha versión de máis de 180 minutos, 20 máis que a metraxe orixinal e só estreada en certas salas, e que un servidor non pensa perder cando teña ocasión...

Comentarios