“En ocasións vexo mortos”, a loita da dobraxe contra as "forzas imperiais"

“En ocasións vexo mortos”. A célebre frase da película O sexto sentido pecha a montaxe titulada “A guerra das Ganancias” coa que os profesionais da dobraxe se enfrontan na rede contra “as forzas imperiais”. 

ganancias
photo_camera ganancias

A dobraxe galega non vai morrer sen pelexar. É unha das mensaxes do vídeo que os profesionais do sector están a difundir na rede no que a través dunha dinámica montaxe suman fragmentos de películas como O sexto sentido, Star Trek ou Instinto Básico na nosa lingua mais cun texto acaído á campaña de difusión das súas reivindicacións. 

“A guerra das Ganancias" é o título do vídeo que comeza emulando o coñecido inicio da máis famosa saga de ciencia ficción, argumento do que botan man para a súa particular loita. “Atopámonos nun período de crise profunda. Os dobradores rebeldes loitan por saír dela, pero as forzas imperiais, representadas pola televisión pública galega, coa súa indiferenza, queren deixar morrer este vital reduto de resistencia do galego”, lese en letras en amarelo sobreimpresas no ceo galáctico. 

“Logo de trinta anos de traballo, só o apoio aos profesionais da dobraxe conseguirá a normalización do idioma e a supervivencia dos rebeldes”, defenden desde este vídeo que aspiran a converter en viral. “Cando nos deamos de conta xa non haberá ningún actor nin actriz de Hollywood que fale no noso idioma”, fanlle dicir a Meryl Streep, antes de rematar afirmando que o sector “non vai morrer sen pelexar”. 

Comentarios