Máis de 400 fotografías retratan a vida da vila da comarca do Morrazo

Ocaña, o fotógrafo de Cangas do século XX

Ramón Ocaña foi o fotógrafo de Cangas durante o século XX. O seu traballo documentou a vida social e política da vila durante aquela época, nunhas fotografías que a Asociación Cultural A Cepa rescatou e puxo á disposición da veciñanza no monográfico titulado Ramón Ocaña, o fotógrafo de Cangas
do século XX
.
O fotógrafo Ramón Ocaña de mozo na Habana (Cuba), a comezos do século XX. (Foto: Asociación Cultural A Cepa de Cangas)
photo_camera O fotógrafo Ramón Ocaña de mozo na Habana (Cuba), a comezos do século XX. (Foto: Asociación Cultural A Cepa de Cangas)

Ramón Ocaña foi o sexto de oito irmáns, todos eles implicados no mundo e no negocio da fotografía, ao igual que o seu pai, Juan Manuel Ocaña. Propietario de numerosos estudios fotográficos por todo o Estado español, Juan Manuel e a súa muller, Francisca Larrín, chegan a Vigo no ano 1887, onde abren un estudio co nome de Ocaña e Hijos, no número 32 da rúa do Príncipe. 

Andando o tempo, os seus descendentes aséntanse temporalmente en varias localidades galegas: Santiago, Ourense, Padrón, Ferrol, Tui, Cangas, Baiona, Pontevedra e Marín, desprazándose a traballar dunhas cidades a outras. En Pontevedra abren un local no número 28 da praza de San Román durante un mes, segundo consta nun anuncio publicado no Diario de Pontevedra o 20 de xaneiro de 1908.

Nado en 1881, Ramón Ocaña aprendeu o oficio no estudio fotográfico do seu pai en Vigo, onde traballou como aprendiz retocando clixés e facendo labores varios no taller. 

Con 23 anos emigra a Cuba e traballa no taller Otero y Colominas, "un estudio fotográfico e de debuxo con taller de fotogravado a medio ton", onde perfecciona os seus coñecementos. Tres anos despois regresa a Vigo e trasládase á comarca do Morrazo para instalar o seu propio estudio de fotografía en Cangas, onde desenvolverá un papel destacado na vida económica e social da vila.

No ano 1908 casa en Aldán (Cangas) con Marina Barros, filla de Bonifacia de Lamo e do ex alcalde Serafín Barros, propietario da coñecida como Granxa de Barros no monte de San Cibrán.

O matrimonio Ocaña-Barros nunca chegou a ter vivenda de seu. Viviron de aluguer en varias casas do centro de Cangas: rúa Real, Fomento, avenida Montero Ríos, rúa Méndez Núñez e barrio do Forte. O seu estudio fotográfico tamén foi cambiando de local segundo pasaban os anos, mellorando as instalacións con galerías de cristais que permitían unha mellor entrada de luz natural. 

Realizou numerosos retratos de importantes cargos da vida política e social de Cangas, especialmente durante a II República do Estado español, retratando destacados sindicalistas e políticos como Manuel Nores 'Taratola, Lorenzo Corbacho, ou a impulsora do sindicato feminino  'A Reivindicadora' Dolores Blanco. Fotografou tamén os acontecementos máis importantes ocorridos na vila, os cales publicou na revista Vida Gallega e no xornal El Pueblo Gallego. No 1929 participa como socio fundador da Sociedade Deportiva Alondras Fútbol Club, que compite na actualidade no campo do Morrazo de Cangas. 

No ano 1931 un incendio destrúe o seu estudio na rúa Fomento. Emprendedor nato, Ocaña inicia novas e diversas actividades en Cangas: traballa como representante comercial, abre un estanco na ribeira, o Lyon Bar, unha leitaría e o popular salón de baile Danubio Azul, acondicionando unhas antigas naves nos areais de Rodeira, onde se celebraron comidas e actividades sociais e políticas. 

Na posguerra e axudado por dúas das súas fillas monta e dirixe espectáculos de teatro. Estivo á fronte do local do Auxilio Social que organizou os comedores infantís que alimentaron a moitas crianzas nos anos que sucederon á guerra. 

Recuperación da memoria de Cangas

Moitos negativos e cristais fotográficos do seu estudio arderon e foron retirados ao limpar o local. Veciñanza da vila recolleu do lixo cristais con negativos da autoría de Ramón Ocaña. Agora, e grazas ás redes sociais e á colaboración veciñal, a Asociación Cultural A Cepa de Cangas recupera algúns deses materiais e trae á actualidade a historia dun fotógrafo que retratou os eventos máis significativos de Cangas no século XX. 

A asociación A Cepa rende homenaxe a Ocaña cunha exposición do traballo recuperado, mostrándolle "imperecedoira gratitude por terlles legado tal testemuño gráfico da vila no século XX". Fernando Cuñarro, secretario da asociación, explica así a Nós Diario a importancia das máis de 400 fotografías recollidas en Ramón Ocaña, o fotógrafo de Cangas do século XX, unha obra editada en colaboración coa Deputación de Pontevedra que se suma á colección de monográficos que a entidade publicou sobre o pasado da vila canguesa. 

Ocaña realizou retratos de importantes personalidades da vida sociopolítica de Cangas

web-fotos

Ramón Ocaña deixou testemuño gráfico de importantes personalidades do Morrazo, así como dos acontecementos máis importantes de Cangas. Arriba á esquerda, vista xeral da avenida Eugenio Sequeiros; no centro, mulleres de Cangas fotografadas en 1908; abaixo á esquerda, os sindicalistas socialistas Alejandro Roda, Xosé Acuña, Ángel Mato, Lorenzo Corbacho e Manuel Nores 'Taratola'. Arriba á dereita, mozas fotografadas en Cangas, e debaixo, Dolores e José, sindicalistas. 

Comentarios