Obxectos contra a máquina do esquecemento

A memoria da represión franquista a través do cotián
as pequenas cousas
photo_camera Obxectos relacionados coas irmáns Fandiño, as populares Marías. Foto: Museo do Pobo Galego.

O avogado Luís Bouza Brey militaba no Partido Galeguista en Vilagarcía de Arousa. Aos poucos días do 18 de xullo de 1936 foi detido e internado no campo de concentración da Illa de San Simón. Logo de dous xuízos en que os fascistas o acusaron paradoxalmente de "auxilio á rebelión", conseguiu sobrevivir. A fotografía da súa saída do antigo lazareto, acompañado polo seu irmán Fermín e mais a súa cuñada Emilia Ávarez, é un dos obxectos máis sorprendentes de entre os que abeira a exposición As pequenas cousas, que mañá abre as portas no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela.

"Ás veces os franquistas notificaban ás familias que as persoas presas ían saír e logo fusilábannos. Era retorcido. Por iso algunhas familias levaban un fotógrafo, para testemuñar o intre", explica a Nós Diario Ana Estévez, coordinadora técnica dunha mostra que tamén recolle unha carta da nai dos Bouza Brey, Orencia Brey, ao seu fillo encarcerado en San Simón. O obxectivo d'As pequenas cousas é identificar as vías ocultas polas que discorreu a memoria da represión e a violencia. Impugnar a "máquina de esquecemento" que supuxo o franquismo.

"Memoria enrugada"

O proxecto nace dun grupo de investigación da UNED formado por historiadores e antropólogos. Durante 10 anos pescudaron sobre desaparecidos no Estado español a partir da análise de arquivos oficiais e de "diálogos coas familias". "Nos traballos de campo atopamos, ademais de relatos, pequenos tesouros que funcionaban como condensadores de memoria dos ausentes", expón a este xornal Jorge Moreno, antropólogo e comisario da iniciativa, "os familiares relacionábanse través destes obxectos cos seus desparecidos". Fotos, cartas de despedida, un anaco de tea, unha pedra manchada de sangue ou unha prenda sintetizaban esa "memoria enrugada, cosida, murmurada" das represaliadas.    

Logo de se presentar en Madrid, a exposición viaxa a Galiza dentro da programación paralela da 15ª Mostra Interncaional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo, cuxo tema central nesta edición é a memoria. Mais As pequenas cousas é mutante. "En cada lugar facemos un chamado a que os obxectos saian do armario", sinala Moreno. Nese punto entrou a emblemática institución compostelá.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube 

Comentarios